Luz verde ao primeiro treito da Ronda Urbana de Pontevedra
28 dec. 2012 - 15:03
O primeiro treito da Ronda Urbana propiamente dita foi protagonista hoxe dunha Xunta Municipal de Goberno urxente, que deu luz verde á construción dun treito entre O Marco e Montecelo. Será a través dun convenio coa Deputación polo que se investirán 2,42 millóns de euros.
Este primeiro treito da Ronda o máis demandado nace na zona da gasoliñeira do Marco, coa intención de mellorar as comunicacións en toda a zona leste da capital e en especial o acceso ao complexo Príncipe Felipe e ao Hospital Montecelo, moi dificultoso desde o sur. A obra substituirá o actual atallo que conforman as rúas das Pereiras, das Olivas e Ángel Limeses, claramente insuficientes para o tráfico que soportan na actualidade.
Do conxunto da obra, o concello aportará 1,46 millóns e a deputación 960.000 euros. A obra propiamente dita (1,8 millóns) será financiada ao 50% por cada administración, se ben o municipio corre cos gastos das expropiacións (estimadas en 560.000 euros) e a Deputación co importe da redacción do proxecto, estimado en 60.000 euros.
O Concello aportará xa este ano 500.000 euros, que transferirá inmediatamente á Deputación, deixando os 400.000 euros restantes para os próximos 3 anos. A Deputación divide os seus 900.000 euros entre 2013 e 2015.
Esta obra, realizada pola cooperación entre duas administracións como o vial e ponte que unen Médico Ballina e Monte Porreiro, tamén coa Deputación, ou a Ponte das Correntes, na que participaron a Xunta e o Concello. Todas estas iniciativas estaban previstas no plano de infraestruturas viarias aprobadas na M4 entre as catro administracións con competencias nos viarios pontevedreses: Concello, Deputación, Xunta e Ministerio de Fomento.