Lores valora de xeito positivo a recente apertura da Deputación a financiar novos proxectos na cidade
Lores lembrou que, durante os últimos oito anos de mandato do anterior goberno provincial, o Concello viña recibindo cifras de colaboración institucional e para obras que superaban os 3 millóns de euros de media anual. Con todo, o actual goberno da Deputación tomou a decisión de reducir esta contía base a 2,5 millóns de euros. Esta diminución provoca que na actualidade haxa nove concellos na provincia que reciben máis fondos que a capital, unha situación que o alcalde cualificou abertamente de discriminación. A este respecto, o rexedor lamentou a situación explicando que a Deputación conta agora con máis cartos que antes e ampliou os seus programas deportivos e de axudas a todos os concellos, pero a realidade é que Pontevedra está a recibir menos financiamento.
En canto á execución dos proxectos na cidade, o rexedor aclarou que as actuacións realizadas con eses fondos responden a decisións estritamente municipais enmarcadas no convenio asinado coa institución provincial. O alcalde criticou a "falta de delicadeza" do vicepresidente por intentar apropiarse destas actuacións, intentando vendelas como se fosen de iniciativa da Deputación, cando en realidade é o Concello quen decide libremente onde se invisten eses fondos.
Malia estas discrepancias, o alcalde valorou de xeito positivo o cambio de postura expresado pola Deputación, que por primeira vez se abriu publicamente a estudar outras propostas e proxectos a demanda da cidade fóra do convenio establecido. O rexedor manifestou a súa esperanza de que este anuncio se materialice, pero advertiu que o fará "con toda a prudencia do mundo", lembrando que ata o momento o ente provincial rexeitaba apoiar iniciativas fóra do acordo base, coa excepción dunha achega "irrisoria" de 100.000 euros para o tríatlon e para os Premios Feroz.