O Concello de Caldas acusa á Xunta de quedar “moi curta” coa ampliación do comedor do Alfonso VII e reclama que se estuden alternativas para unha solución definitiva

Manuel Fariña
Manuel Fariña
O Concello de Caldas acusa á Xunta de quedar “moi curta” coa ampliación do comedor do Alfonso VII e reclama que se estuden alternativas para unha solución definitiva

Caldas, 16 de xullo de 2026. O Concello de Caldas de Reis acusou á Xunta de quedar “moi curta” coa ampliación do comedor  do CPI Plurilingüe Alfonso VII e reclama á Consellería de Educación que rectifique para dar resposta ás necesidades reais da comunidade educativa. O tenente de alcalde Manuel Fariña lembra que o Concello avalou unha solución estrutural en 2023, construíndo uns módulos anexos ao comedor existente nos terreos dispoñibles do centro educativo, e critica  que, porén, o goberno galego optou por unha ampliación insuficiente só con obras menores, adaptando os vestiarios do pavillón escolar. “Xa coa primeira matrícula deste curso demóstrase que esa actuación foi insuficiente, un claro parche” que deixa a 30 familias sen servizo.

Fariña sinala que a propia Consellería de Educación solicitara ao Concello un informe sobre a viabilidade urbanística para construír os módulos, e que na resposta remitida polo Concello, asinada polo aparellador municipal, concluíase que a parcela dispoñible era apta, ao permitir aínda un incremento da ocupación de arredor do 25% respecto das construcións existentes, dándose todas as facilidades para ir adiante co proxecto. "A Xunta tiña enriba da mesa unha alternativa para facer unha ampliación pensada para o futuro e decidiu non aproveitala. Preferiu unha actuación máis limitada, presentada como a solución definitiva, e hoxe comprobamos que xa naceu insuficiente", criticou Fariña.

As críticas do Concello á Xunta chegan despois de que a propia ANPA do centro trasladase á Consellería nos últimos días que para o curso 2026-2027 existen 192 solicitudes de comedor para só 160 prazas, o que deixará un importante número de nenos e nenas do propio ámbito de influencia do colexio sen acceso a un servizo esencial para a conciliación familiar. 

Para Fariña, a situación demostra que a Consellería "volveu chegar tarde e mal". "Levamos anos reclamando unha ampliación do comedor porque era unha das principais necesidades do Alfonso VII. A Xunta recoñeceu finalmente que existía ese problema, pero a obra realizada non resolve. A actuación naceu pequena", critica. "O peor é que isto era perfectamente previsible. Non estamos ante un incremento inesperado do alumnado, senón ante unha necesidade coñecida. A Xunta tivo tempo máis que suficiente para planificar unha ampliación acorde coa realidade do centro e, unha vez máis, optou pola solución mínima", afirma o tenente de alcalde.

O responsable municipal salienta que este novo episodio evidencia "a maneira de actuar da Xunta co ensino público especialmente en Caldas: responde sempre tarde, cando a presión social xa é insostible, e faino con actuacións insuficientes que obrigan á comunidade educativa a seguir reivindicando o que lle corresponde". 

"Non se pode vender como un éxito unha ampliación que nace fracasada. Se hai máis de trinta nenos e nenas do propio ámbito escolar que quedan sen comedor, é evidente que a planificación foi un fracaso", engade. O Concello insta finalmente á Consellería de Educación a estudar unha solución definitiva que adapte as instalacións do CPI Alfonso VII ás necesidades reais do alumnado e das familias.

"Os servizos públicos non poden planificarse pensando no mínimo imprescindible. Hai que facelos pensando nas persoas. E neste caso a Xunta volveu demostrar que está máis preocupada pola fotografía da inauguración que por resolver de verdade os problemas da comunidade educativa", conclúe.

O Concello de Caldas acusa á Xunta de quedar “moi curta” coa ampliación do comedor do Alfonso VII e reclama que se estuden alternativas para unha solución definitiva