POR IMPORTE DE CASE 900.000 EUROS
O Concello de Pontevedra presenta un novo proxecto para a integración urbana e mellora da seguridade na contorna da ponte de Santiago
Segundo detallou o rexedor, o obxectivo principal desta intervención é a mellora da seguridade viaria e a integración de diversos espazos verdes. O proxecto resolverá as actuais complexidades do cruce mediante a continuidade dos pasos de peóns, que ata o de agora estaban desalineados e obrigaban a facer cruzamentos irregulares. Estes novos pasos disporanse de xeito continuo tanto na marxe que vai cara ao mercado como na que se dirixe a Monte Porreiro, creándose ademais un novo paso na propia ponte de Santiago. Así mesmo, procederase á eliminación dos valados perimetrais na entrada da ponte, unhas estruturas que o alcalde cualificou de "esteticamente feas”.
A intervención inclúe tamén a mellora integral dos pavimentos, combinando zonas verdes con áreas de adoquín e granito, e a dotación de novo mobiliario urbano que incluirá bancos e luminarias. Ademais, o proxecto contempla a instalación dunha parada de autobús máis grande na avenida de Bos Aires para dar servizo a toda a zona, garantindo ao mesmo tempo a conservación e mantemento de case todas as árbores xa existentes na contorna.
Aínda que inicialmente se valorou a creación dun parque, as limitacións de tamaño levaron a reformular a idea cara a unha cesión de propiedade privada para uso público que permitirá un tránsito aberto e integrado, facilitando que os peóns poidan conectar a rúa Serra directamente coa ponte de Santiago.
Respecto aos prazos de execución, Fernández Lores avanzou que o proxecto atópase na fase de solicitude de informes sectoriais a Litoral e a Patrimonio. Unha vez se obteñan as resolucións favorables, o Concello iniciará o proceso de licitación e contratación das obras. Para facer partícipe á cidadanía destes avances, o concelleiro responsable, Xaquín Moreda, reunirase cos veciños implicados ao longo da vindeira semana.