O alcalde de Barro diríxese por carta ao ministro de Transportes para esixir a mellora urxente da seguridade na N-550

Xosé Manuel Fernández Abraldes
Xosé Manuel Fernández Abraldes
O alcalde de Barro diríxese por carta ao ministro de Transportes para esixir a mellora urxente da seguridade na N-550

Barro, 16 de xullo de 2026. O Alcalde do Concello de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, enviou unha carta ao ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, Óscar Puente, para trasladarlle a profunda preocupación e a alarma social existente no municipio ante a falta de seguridade que presenta a estrada nacional N-550 ao seu paso polo termo municipal. O rexedor advirte de que esta vía, unha das principais arterias de comunicación do país, soporta diariamente unha elevadísima intensidade de tráfico e presenta graves carencias estruturais. Por este motivo, sinala que non pode seguir asistindo con resignación á inacción do goberno do Estado e reclama unha intervención directa para dar solución a dous puntos negros de extrema perigosidade.

O primeiro destes puntos críticos é o cruzamento de Porráns (intersección coa EP-226), un lugar de concentración de accidentes onde se seguen a producir colisións recorrentes, moitas delas de gravidade extrema e con consecuencias mortais. Fernández Abraldes salienta que o sistema de sinais luminosos instalado no seu día demostrouse totalmente ineficaz, polo que rexeita seguir con parches preventivos e esixe a execución dunha solución técnica real e definitiva como é a construción dunha rotonda.

O segundo punto negro sitúase na Porriña (A Portela, na intersección coa EP-0506), un enlace estratéxico que serve de acceso ao núcleo de San Antoniño, á estación da Portela e a Curro, conectando a N-550 co Salnés e a AP-9. O alcalde lembra que a propia Subdelegación do Goberno presentou en xullo de 2024 o deseño desta rotonda e que en xuño de 2025 redactouse formalmente o documento técnico. Porén, malia que o proxecto está redactado desde hai máis dun ano, o expediente continúa pendente de aprobación polo Ministerio, polo que esixe un impulso directo para desbloquear a súa tramitación e que a obra poida materializarse canto antes.

Por último, o rexedor de Barro expón a necesidade de actuar na intersección da N-550 coa PO-224 no Lombo da Maceira. Esta mellora quedou esquecida tras o arquivo do proxecto da autovía A-57, que contemplaba unha rotonda nese enlace. Unha vez descartada esa autovía, o Concello solicita que a Demarcación de Estradas estude e proxecte unha solución alternativa para garantir os xiros en ambos sentidos con seguridade.

O alcalde conclúe amosando a súa total disposición para manter unha reunión de traballo urxente, mentres advirte de que cada día que pasa sen adoptar solucións supón prolongar unha situación de risco inaceptable para a veciñanza.

O alcalde de Barro diríxese por carta ao ministro de Transportes para esixir a mellora urxente da seguridade na N-550