Lores: «A sentenza do Supremo significa cargarse a Lei de Costas e a protección e recuperación do litoral de Pontevedra»
Pontevedra, 7 de febreiro de 2023. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta tarde logo das informacións emitidas polo Tribunal Supremo onde sinalaba a revogación das sentenzas da Audiencia Nacional que, en xullo do pasado ano, anularan a concesión da fábrica pasteira de Lourizán.
«Teño que dicir que levamos moitos anos nesta loita e sabiamos que un Concello, aínda sendo unha capital de provincia, xunto coa súa veciñanza, pelexando primeiro contra o Estado e logo contra o gran capital, foi sempre unha loita desigual», indicou o rexedor. «Porén, e sendo suave, ‘poderoso caballero es don Dinero’, tal e como diría Quevedo ou cantaría Paco Ibáñez, a sorpresa segue a ser grande. Esta sentenza significa cargarse, de xeito literal, a Lei de Costas e a protección e recuperación do litoral de Pontevedra. Esta sentenza é un agravio comparativo para todos os empresarios que cumpren coa lexislación vixente e non reciben prevendas de ninguén para levar a cabo a súa actividade económica».
Lores: "nunca deixarei de loitar por todas as vías posíbeis para ver a ría sen a factoría de Lourizán"
Lores quixo deixar claro que «nunca deixarei de loitar por todas as vías posíbeis, terra, mar e aire; con mobilización social, con loita xudicial... co fin de ver cumprido o soño que ten a maioría dos pontevedreses, que é ver a ría sen Ence, para vela recuperada e poñela en valor en toda a súa extensión como espazo natural, ademais de como un elemento de futuro para a provincia e a para a nosa vila».