3 MILLÓNS DE EUROS
O pavillón de Monte Porreiro e o saneamento, destinatarios do convenio asinado polo concello de Pontevedra e a Xunta
Pontevedra, 6 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinaron hoxe na casa consistorial, un convenio mediante o cal a Xunta aportará ao Concello tres millóns de euros, dous para o pavillón de Monte Porreiro e un para mellorar a rede de saneamento, dúas cuestións que o alcalde considerou “moi importantes para mellorar a vida das pontevedresas e pontevedreses”.
Na reunión previa entre os dous mandatarios abordáronse, ademais, outras cuestións que o Presidente da Xunta se comprometeu a efectivizar:
- A liberación dos terreos que actualmente ocupan servizos da Xunta na Xunqueira da Gándara, para que poidan ser utilizados para uso e desfrute da veciñanza.
- o apoio económico da Xunta á celebración da final das series mundiais de tríatlon que se celebrará en setembro na cidade, e que será o evento deportivo máis importante que terá lugar este ano en todo o Estado. A gran final das series mundiais traerá a Pontevedra a máis de 5000 deportistas, incluída a elite mundial, e máis de 15.000 acompañantes, ademais de que será retrasmitida en máis de cen paises. Lores afirmou, diante do Presidente da Xunta, que sería un magnífico escaparate para promoción do Xacobeo 2027.
Miguel Anxo Fernández Lores, que deixou claro que o concello quere ter sempre relacións excelentes coas restantes administracións, afirmou que "este convenio axúdanos a mellorar a calidade de vida das pontevedresas e dos pontevedreses, para que Pontevedra siga avanzando”.