O BNG de Caldas insiste na necesidade dunha rolda oeste branda tipo avenida para resolver os problemas de tráfico da vila
O BNG de Caldas insistiu na necesidade dunha rolda oeste branda tipo avenida para resolver os problemas de tráfico da vila termal sen provocar unha elevada afectación ao territorio. O portavoz Manuel Fariña así o manifestou tras coñecer a cancelación da variante proposta polo Ministerio, subliñando que deben aproveitarse os estudos informativos xa feitos para avanzar na futura estrada en lugar de retrotraer o proxecto a 2008, o que equivalería, dixo “a asumir que non haberá alternativa para o tráfico de paso en Caldas polo menos nunha década”.
Fariña aplaudiu que a proposta do Ministerio de Fomento sexa desbotada porque era unha “navallada inasumíbel” ao territorio de gran custe que, ademais, non resolvía os problemas de mobilidade e conectividade de Caldas. A proposta do Bloque, pola contra, subliñou, responde ás necesidades do municipio minimizaría afeccións e suporía un custe de arredor de 10 millóns de euros, é dicir, unha dimensión moito menor.
Trataríase dunha estrada semellante á de Portas, unha nova vía para desconxestionar o centro urbano cun deseño brando, cun trazado sen valar, velocidade e tráfico calmado, sen grandes desniveis e accesible para tráfico natural e cun itinerario peonil e ciclista en paralelo, isto é, unha avenida con características e unha configuración moito máis urbana da que se propoñía ata o de agora.
Para isto, o voceiro do Bloque fixo fincapé en que non se deben desbotar os pasos dados nas fases de tramitación previa. Destacou que o percorrido para executar esa nova avenida podería ser semellante ao da Rolda Oeste platexado na alternativa NC1B modificando os entronques e enlaces, posto que non hai necesidade de tirar vivendas e negocios ao haber terreos dispoñibles con menos afectación.
Subliñou que os estudos de alternativas realizados até agora poderían tomarse como base e non ser “cancelados” na súa totalidade. “Se botamos todo abaixo volvemos ao punto de partida e dende o goberno do Estado nada máis que se van lembrar de Caldas cando as eleccións estean próximas. A veciñanza precisa unha alternativa de mobilidade real”, advertiu.
Como primeiro paso, Fariña destacou que debe ser o Estado quen confirme oficialmente a retirada do proxecto da variante e ata onde se retrotraen os trámites. Lamentou que fora o secretario xeral do PSdeG Gómez Besteiro quen fixera o anuncio, confundindo unha iniciativa institucional cunha orgánica e lembrou, de feito, que a postura da agrupación socialista foi cambiando por motivos de estratexia partidista -en función da oposición veciñal-.
O BNG tamén advirte que agora que a variante de Godos xa non será realidade e non servirá de acceso para conectar co Porto de Vilagarcía, a Xunta de Galiza debe mover ficha e propoñer unha alternativa eficaz para mellorar a mobilidade dende a AP-9.