O Concello de Pontevedra colga a pancarta do 8M e reafirma o seu compromiso: "Nin un paso nin un centímetro para atrás"

Colocación da faixa do 8M
Colocación da faixa do 8M
O Concello de Pontevedra colga a pancarta do 8M e reafirma o seu compromiso: "Nin un paso nin un centímetro para atrás"

Pontevedra, 6 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou no acto de colocación da pancarta conmemorativa do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, no balcón da Casa Consistorial. A xornada completouse coa lectura do manifesto deste ano, no que a corporación e a mocidade uniron as súas voces en prol da igualdade. 

Durante a súa intervención, o alcalde amosou o seu orgullo polo feito de que "Pontevedra sexa un concello feminista" non só nesta data, senón “todos os días do ano". Fernández Lores quixo agradecer expresamente a unanimidade de todos os grupos políticos á hora de celebrar este 8M e apoiar o manifesto, subliñando a mensaxe central da xornada: "non dar nin un paso atrás, nin un centímetro para atrás" no respecto aos dereitos das mulleres. 

O rexedor alertou de que nos tempos actuais, onde xorden "posicións negativistas e agresivas" contra os dereitos das mulleres, é fundamental "non ceder en absoluto e seguir loitando entre todos e todas" para que a igualdade siga avanzando. 

Anabel Gulías coas autoras do manifesto
Anabel Gulías coas autoras do manifesto

O manifesto lido nesta xornada foi redactado por Sara Asdih Ouerdi e Analía Estévez González, alumnas de 1o de Bacharelato do Instituto Frei Martín Sarmiento e integrantes do Consello Municipal da Muller Nova. O alcalde felicitou e agradeceu o esforzo das rapazas pola elaboración deste texto. 

No documento elaborado polas alumnas, lémbrase que o 8 de marzo "non é un día para felicitar" senón para reivindicar e honrar ás mulleres que loitaron para "abrirnos as portas das aulas, das fábricas, dos parlamentos". O texto pon o foco na necesidade de alcanzar a igualdade real no día a día, denunciando a "carga invisible dos coidados" que seguen recaendo maioritariamente nas mulleres, a presión estética e o feito de que as mulleres sigan sendo minoría nos centros de poder e na dirección de empresas malia ter os mellores expedientes. "As mulleres xa saímos da casa e non queremos volver", recalca o texto. 

A modo de peche, Fernández Lores anunciou que as dúas autoras do manifesto tamén participarán no vindeiro pleno da corporación, que terá lugar o día 23, onde lerán de novo este comunicado para darlle voz "diante de toda a sociedade pontevedresa". 

MANIFESTO 8M

O Concello de Pontevedra colga a pancarta do 8M e reafirma o seu compromiso: "Nin un paso nin un centímetro para atrás"