Lores: "Que lle fixeron os pontevedreses e as pontevedresas a Luis López ou a Rafa Domínguez para que discriminen sistematicamente a cidade?"
Pontevedra, 16 de setembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, denunciou o que cualificou como unha "discriminación sistemática" por parte da Deputación de Pontevedra cara á cidade e os seus habitantes. O alcalde cuestionou duramente os criterios de financiamento do goberno provincial, sinalando que non se corresponden coa poboación nin coa proxección de Pontevedra, e preguntou directamente: "que lle fixeron os pontevedreses e as pontevedresas a Luis López ou ao Sr. Domínguez para que discriminen sistematicamente a cidade?".
Tal e como explicou o rexedor, o convenio principal entre ambas as institucións leva dez anos estancado nos 2,5 millóns de euros, unha cifra que o Concello demandou incrementar. O alcalde subliñou o agravio comparativo ao afirmar que tres concellos con menor poboación, como son Lalín, Vilagarcía e A Estrada, reciben un financiamento maior por parte da Deputación. Esta situación prodúcese a pesar de que a poboación de Pontevedra chega a triplicar a dalgúns destes municipios.
Ademais, esta falta de financiamento non se compensa co apoio a grandes eventos culturais e deportivos que transcenden a cidade e posicionan a toda a provincia, as Rías Baixas e a Galiza. Neste sentido, Lores manifestou a súa preocupación por dous casos concretos: os Premios Feroz (nos que existe un compromiso verbal para asinar un convenio de 300.000 euros para a segunda edición, pero que a día de hoxe segue sen estar formalizado) e a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón (na que todo apunta a que a DEPO manterá unha liña de subvención de só 100.000 euros para un evento que superará os 3 millóns de euros de orzamento)
O alcalde lembrou o impacto do Multisport do ano pasado, que xerou un retorno económico para a provincia de máis de 20 millóns de euros —cunha cifra aínda por pechar que podería chegar aos 24 millóns—. Agárdase que o impacto das Series Mundiais sexa aínda superior, debido ao maior número de deportistas e visitantes previstos.