Os Feroz 2025 disparan a proxección de Pontevedra cun impacto de 33,5 millóns de euros
Pontevedra, 16 de setembro de 2025. Un día despois de que arrincase a programación dos Feroz 2026 en Pontevedra co anuncio de Antonio Durán ‘Morris’ como un dos catro presentadores da gala do próximo 24 de xaneiro, o Concello de Pontevedra e a AICE fixeron balance do impacto da anterior edición na cidade.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que en Pontevedra "pasan cousas que non pasan por casualidade porque detrás de todos estes eventos hai unha posición política de aposta pola cultura como un evento de carácter social e de promoción da cidade". Aclarou que "ten que ver coa confianza que o Goberno ten na propia cultura e na cidade capaz de acoller eventos importantísimos que teñen trascendencia económica e de proxección internacional" que a súa vez teñen como resultado "xeración de emprego e o beneficio na economía de toda a comarca. Non só afecta á cidade senón que promove a cidade, as Rías Baixas e tamén Galiza".
Pola súa banda, o responsable de AICE, Fernando de Luís Orueta, indicou que os Feroz 2025 supuxeron unha difusión da imaxe de Pontevedra valorada en 33,5 millóns de euros, incluíndo as publicacións en medios de comunicación, a conversación en redes sociais, as campañas publicitarias... Os medios de comunicación publicaron máis de 1.800 informacións sobre a celebración dos Premios Feroz na cidade, o que suma unha audiencia acumulada que supera os 5.000 millóns.
En redes sociais superáronse as 3.600 mencións aos Feroz en Pontevedra, alcanzando a máis de 15 millóns de usuarios.
Ademais, a cerimonia tivo o maior seguimento de toda a historia destes galardóns ao ser retransmitida por primeira vez pola 2 e RTVE Play: foron vistos nalgún momento por 2.120.000 espectadores únicos e a gala obtivo o 3,11% de cota de pantalla e 327.000 espectadores de audiencia media. A iso hai que sumar a emisión do programa especial da Alfombra Vermella tamén en directo a través da canle de Youtube dos Feroz que acumulou máis de 27.000 espectadores.
O día da gala, acreditouse a 171 xornalistas de 87 medios para cubrir o photocall de pousados e o circuíto de entrevistas polo que pasaron todas as estrelas —e os gañadores durante a cerimonia—. A todos eles hai que sumar a asistencia de 122 xornalistas membros de AICE.
As actividades previas á cerimonia tamén resultaron decisivas para consolidar o impacto na cidade. Esta programación incluíu, entre outras actividades, 17 proxeccións de películas e series —moitas delas acompañadas por coloquios—, catro clases maxistrais, unha mesa redonda e a visita a Pontevedra, en total, de 32 cineastas e expertos en audiovisuais. A asistencia media a estas sesións foi dun 90%.
A repercusión mediática tanto de Pontevedra como dos Feroz é sobresaliente e a imaxe que se proxecta da cidade é dunha fabulosa acollida aos profesionais da industria audiovisual e aos afeccionados do cinema e as series feitas no Estado.
Este balance non só reforza a relevancia dos Premios Feroz como un dos grandes fitos anuais da industria audiovisual estatal, senón que tamén posiciona a Pontevedra como cidade de referencia na organización de eventos culturais de alcance nacional, estatal e internacional.