O Concello de Caldas instalará 185 paneis solares no CPI Alfonso VII para autoabastecer de enerxía o colexio e outros edificios municipais

Manuel Fariña
Manuel Fariña
O Concello de Caldas instalará 185 paneis solares no CPI Alfonso VII para autoabastecer de enerxía o colexio e outros edificios municipais

Caldas, 16 de setembro de 2025. O Concello de Caldas de Reis vai instalar 185 paneis fotovoltaicos que permitirán autoabastecer de enerxía o CPI plurilingüe Alfonso VII. O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que con esta instalación fotovoltaica no centro educativo, sumada á do pavillón e á do auditorio, o Concello conseguirá superar os 130 kilovatios de produción enerxética sustentable propia para os edificios municipais, o permitirá un importante aforro nas facturas eléctricas e tamén conseguir un concello máis verde.

A instalación fotovoltaica para o colexio alcanzará os 99,90 kwp e estará composta por 185 paneis de 540w que se colocarán na cuberta do colexio. Ademais, irá acompañada por un sistema de almacenamento de 50kwh formado por baterías de litio que posibilitará aumentar a autonomía e a capacidade de resposta en momentos de alta demanda. Todo estará xestionado a través dun sistema software que permitirá ter monitorizadas as producións de enerxía.

Segundo explica Fariña, o Concello está a apostar polas enerxías sustentables nos edificios educativos e deportivos municipais xestionados polo grupo nacionalista realizando proxectos moi ambiciosos. A intención é que os sistemas de enerxía fotovoltaica en modelo colectivo permitan non só reducir o consumo e o custo enerxético do municipio, senón tamén reducir as emisións de CO2 e incentivar a sustentabilidade. Ademais de todo iso, a participación de persoal vulnerable fomentará o acceso inclusivo e sostible á enerxía renovable, reducindo a fenda enerxética.

O tenente de alcalde destaca que é necesario que o Concello dea exemplo  sobre a necesidade dunha maior sustentabilidade no uso e xestión da enerxía. “Xerar a nosa propia electricidade para autoconsumo con renovables, aínda que non permita cubrir todas as necesidades, é un chanzo para contribuír a un medio ambiente máis limpo” destaca o nacionalista.

Ata o de agora, o Concello conta xa con paneis solares no pavillón de deportes, que están a permitir un aforro do 30% sobre o consumo anterior. Tamén está prevista unha nova instalación fotovoltaica no auditorio municipal –aínda por definir- co gallo das obras de mellora da contorna da Carballeira. Con todas as actuacións mencionadas, o goberno local terá instalacións por máis de 130 kilovatios de produción de enerxía sustentable.

O proxecto para a instalación dos paneis no CPI Alfonso VII ten un orzamento estimado de 113.654 euros e para acometelo o Concello contará con subvencións de fondos europeos.

O Concello de Caldas instalará 185 paneis solares no CPI Alfonso VII para autoabastecer de enerxía o colexio e outros edificios municipais