Soutomaior inicia as obras de mellora e humanización do Val-Sobral
Soutomaior, 16 de setembro de 2025. Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, visitaron a zona onde nos vindeiros días comezarán os traballos da mellora de humanización do Val-Sobral.
O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun treito de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, o proxecto contempla o acondicionamento de tres núcleos no ámbito da actuación.
Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas, converténdose así en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza.
Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investirá preto de 160.000 euros para mellorar mobilidade do barrio e crear espazos públicos que poñan en valor tanto a zona arquitectónica da zona coma os elementos patrimoniais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estamos ante un proxecto moi importante para o Val-Sobral e para Soutomaior, un proxecto que vai a supoñer unha importante mellora para o barrio. Coa recuperación de espazos rurais, darémoslle ás prazas un tratamento acorde á arquitectura tradicional que os rodea”.
O alcalde lembrou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do concello para mellorar a vida da veciñanza. Con esta obra imos a converter espazos moi deteriorados en prazas coidadas onde a xente poderá vivir, relacionarse e desfrutar dos marabillosos espazos cos que contamos en Soutomaior”, concluíu Manu Lourenzo.