Bota a andar unha nova tempada do Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra

2025-09-16 13.56.11-Rolda BMP
2025-09-16 13.56.11-Rolda BMP
Bota a andar unha nova tempada do Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra

Pontevedra, 16 de setembro de 2025. O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou acompañado do directo da Banda de Música de Pontevedra, Rafael Agulló, e o membro da directiva, Víctor Fernándeza programación da agrupación musical que terá lugar entre o 21 de setembro e o 20 de decembro. 

Segundo o concelleiro, “sería Imposible poñer en marcha a programación de outono sen todas as entidades que hai detrás, como neste caso a Banda de Música de Pontevedra que leva moito tempo preparando este programa para que de aquí a decembro poidamos ter este ciclo completo e variado que agardo sexa do agrado das persoas afeccionadas á música de bandas e a música máis culta elegante e de salas de teatro. Poderemos gozar dela este domingo 21 de setembro, e os sábados 11 de outubro, 15 de novembro e 20 de decembro. As 3 primeiras datas terán como escenario o Principal e a última, especial de Nadal, a igrexa de San Francisco” 

Pola súa banda o director da Banda de Música, o valenciano Rafael Agulló xustificou o título desta primeira parte do ciclo ‘Vento en popa a toda vela’ en que “esa é a mentalidade coa que afrontamos na banda esta tempada. Queremos transmitir con esta frase a ilusión e motivación coa que ao longo deste ano retomamos a actividade logo dunha parada de 4 anos, regresando aos antigos canles nos que primabamos o artístico, o pedagóxico e o social, que son as 3 bases nas que nos asentamos” 

Ciclo butaca 1ª parte
Ciclo butaca 1ª parte

O domingo 21, será unha viaxe ao mundo da lírica na que se fará un xogo de espellos entre a ópera italiana e a zarzuela.

No segundo concerto o 11 de outubro, a Banda de Música contará cun dos mellores directores de música de banda, o portugués, Felipe Fonseca, que leva tres ano gañando concursos internacionais de xoves directores. unha persoa moi talentosa que achegará un programa titulado LusoFónías,unha viaxe pola evolución da música bandista do país veciño, que comezará cunha peza de máis de 100 anos de antigüidade e rematará cunha de recente creación que será interpretada por primeira vez fóra do seu país. 

Na terceira cita o 15 de novembro, tócalle a Francia cos soños franceses, percorrendo os grandes clásicos: Éric Satie, Paul Dukas, Georges Bizet, etc. 

Para rematar o 20 de decembro, na Igrexa de San Francisco, terá lugar un concerto moi especial polo 100 aniversario de Coral Polifónica. A  BMP quixo formar parte desta celebración con este concerto de Nadal con panxoliñas con coro e banda e unha peza sorpresa de grandes dimensións.” 

Antes de despedirse, Agulló quixo reiterar o agradecemento ao Concello pola oportunidade e manifestar que “estamos moi Ilusionados e sorprendidos por este ano de retomar a actividade cunha gran resposta por parte do público logo de 3-4 anos de inactividade. A xente non se esquecera da banda e puidemos gozar toda a tempada de inverno e verán da implicación do público. Estamos moi agradececidos e agardamos que así sexa tamén nestes próximos meses.” 

PROGRAMA
Domingo 21 de setembro ás 12.00 h no Teatro Principal – ‘De La Scala a Lavapiés’ 

Sábado 11 de outubro ás 20.00 h no Teatro Principal - ‘LusoFonías’ con Filipe Fonseca como director convidado 

Sábado 15 de novembro ás 20.00h no Teatro Principal – ‘Rêveries Françaises’ 

Sábado 20 de decembro ás 20.30h na Igrexa de San Francisco coa Coral Polifónica de Pontevedra en conmemoración do seu centenario 

Bota a andar unha nova tempada do Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra