VALORACIÓN DO PRIMEIRO ANO DE GOBERNO DO NOVO MANDATO

Lores: «Este primeiro ano sentamos as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde»

Lores: «Este primeiro ano sentamos as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde»

Pontevedra, 22 de maio de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nun almorzo informativo cos xornalistas da cidade para facer unha valoración do primeiro ano do actual mandato, lembrou as palabras, literais, que ofreceu nas primeiras declaracións após resultados das eleccións municipais: «Estes resultados mándanme un recado: os pontevedreses e as pontevedresas queren que o faga mellor, e eu tomo nota e vou tentar facelo cada vez mellor» 

«Estes meses foron unha demostración de coherencia e compromiso que caracterizou sempre ao meu goberno. En política o importante é aprender dos erros, co obxectivo de corrixilos e, no noso caso, mellorar a vida das pontevedresas e os pontevedreses. Deste xeito, tomamos distintas decisións», explicou, para logo sinalar a súa insatisfacción co funcionamento do Goberno anterior, ao existir unha serie de disfuncións que tiñan que ver coa descoordinación entre servizos e unha falta de seguimento na execución dos proxectos, o que facía que se eternizasen. «Creo que o mellor xeito de explicalo e coa metáfora do acordeón, que como sabedes cando se estira moito ou cando se aperta moito non produce ningún son», sintetizou. 

Esa dispersión ou falta de priorización trouxo consigo unha primeira decisión no mandato por parte do alcalde como foi a de poñerme á fronte «e abrir un tempo novo». «Como sabedes, asumín a portavocía do Goberno por primeira vez en 24 anos, e tamén mudamos o xeito de funcionar nas Xuntas de Goberno como un organismo de control e seguimento eficaz dos asuntos de impulso». 

Esta posta en orde motivou unha administración máis áxil e eficiente na prestación de servizos á cidadanía, e que permitiu priorizar tarefas coma o mantemento xeral da cidade, por exemplo. «Doutra banda, outra das decisións que tomei foi a de desatrancar distintos proxectos comprometidos e vitais para a cidade que por distintos motivos non viron a luz, e que neste primeiro ano conseguimos licitalos e adxudicalos: aí temos a Santiña, como exemplo evidente; ou o parque da Parda, que sempre foi unha das miñas teimas persoais. Se queredes outro exemplo, temos tamén o pavillón de Monte Porreiro que pronto entrará en licitación», indicou Lores. 

Dos aspectos e elementos que configuraron este primeiro ano de mandato, o alcalde subliñou os asuntos relacionados con Costas. «Planteime en Madrid para negociar coa vicepresidenta do Goberno central proxectos como o vial de Mollavao (finalmente desatrancado e que abre as portas a reforma integral de Rosalía de Castro), a continuación do paseo cara Marín, as xunqueiras, a enseada de Ulló...». 

O alcalde destacou a priorización de proxectos de gran interese para a cidade como o Parque da Parda ou a Santiña; as negociacións con Costas ou a aprobación dos actuais orzamentos

«Ao mesmo tempo que faciamos esta reordenación e priorización, seguimos traballando no día a día, na xestión ordinaria. Ese traballo, polo que teño que felicitar ás e aos traballadores municipais e ao meu equipo, derivou nunhas festas de verán impresionantes, un Nadal inesquecible, un Entroido cheo de vida... en definitiva, que as rúas de Pontevedra estiveron de bote en bote», explicou o alcalde, que tamén destacou as actividades congresuais, feirais e deportivas, como a Gran Final das Series Mundiais, que foi celebrada neste primeiro ano, ou están por chegar nun curto prazo de tempo. Foron actividades que encheron Pontevedra de visitantes e de actividade económica e social, algo que axudou a manter a referencialidade internacional de Pontevedra. 

«Estamos a facer un esforzo real e bestial, á hora de atraer eventos que posicionen a Pontevedra no mundo. Aquí, se mo permitides, no apartado cultural, quero facer fincapé na chegada dos Premios Feroz á Boa Vila. Sabedes que vai ser unha cita moi especial, unha cita de vangarda, fresca e na que todo o Estado e a industria audiovisual van estar mirando cara nós os vindeiros dous anos», comentou sobre a gala que se realizará no ano 2025. 

Doutra banda, Lores lembrou que «foi un ano complicado». «Por primeira vez, en 25 anos, tiven que recorrir a unha cuestión de confianza para aprobar uns orzamentos que son vitais para a cidade xa que tiñamos os anteriores prorrogados. Houbo un bloqueo claro desde a oposición a estes orzamentos, mais preocupada polos seus intereses que pola cidadanía de Pontevedra». 

Estas circunstancia sobrecargou de traballo todos os servizos económicos e trouxo unhas consecuencias xa coñecidas: atraso nos proxectos, risco de perda de fondos europeos e dano a provedores e empresas do Concello. 

«A pesar de todo isto, e retomando o que vos comentaba do feito e do superado, quero dicir que estou especialmente contento co traballo realizado. Creo que foi un ano intenso e complexo, pero fructífero, xa que nunca vivín un período no que se mellorase tanto en tan pouco tempo. De verdade que creo que este ano sentou as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde».

Lores: «Este primeiro ano sentamos as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde»