Caldas sacará a licitación a iluminación das festas de verán e de nadal por case 75.000 euros
Caldas, 21 de maio de 2024. O Concello de Caldas vai sacar a licitación a contratación da subministración e instalación da iluminación pública para as festas de verán e de Nadal por un importe de case 75.000 euros, o que supón un importante incremento con respecto ao pasado ano.
O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que a subida do orzamento ten como obxectivo mellorar a decoración festiva e o embelecemento dos espazos públicos da vila termal para “contribuír ao impulso turístico e comercial, fomentando a actividade económica mediante unha iluminación singular e innovadora que resulte atractiva tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes, ao tempo que se fomenta a innovación e a sustentabilidade a través do uso de novas tecnoloxías máis eficientes”.
Manuel Fariña: "Lanzar o contrato nestes momentos supón anticiparse e garantir a calidade das propostas para encher de vida as rúas da vila”
Segundo Fariña, para elixir a empresa adxudicataria valoraranse as mellores ofertas económicas, pero tamén se terán en conta as propostas e deseños que dean personalidade propia a cada espazo. Lembrou que na pasada edición das festas de Nadal as bolas de neve, os arcos variados, o gran pingüino da Praza José Sexto Casal, o paraugas de luces que se puxo na Plazuela ou o ‘Photocall’ situado da Praza das Palmeiras foron un éxito entre a veciñanza. “Queremos que rúas de Caldas estean cheas de vida”, destaca.
O nacionalista subliña a mellora e a eficacia do investimento para iluminar máis de 40 rúas, prazas e xardíns, engalanando o espazo público e facendo de Caldas unha vila de referencia. Detalla que no contrato non só se inclúe a subministración e montaxe dos elementos (arcos, rótulos, grilandas e outros obxectos en tres dimensións), senón tamén os traballos previos que estes requiran para a súa posta en marcha, o mantemento durante o período de funcionamento, así como a súa posterior desmontaxe e retirada unha vez finalicen as festas.
Para Fariña, sacar a licitación o contrato da iluminación festiva nestes momentos supón adiantarse con respecto a outros anos e dispoñer de tempo suficiente para valorar a calidade das propostas coa calma que merece un elemento tan importante para as festas da vila.