Pontevedra aposta polo programa NAIS para mellorar a realidade persoal, laboral e familiar das mulleres soas con crianzas
NAIS é un programa de intervención socio-comunitario que nace co obxectivo de reducir o risco de des-estruturación persoal, laboral e familiar de mulleres soas con fillos/as ao seu cargo. É unha iniciativa da Fundación María José Jove (FMJJ) na que colabora de xeito activo a Concellería de Benestar Social, que dirixe Anabel Gulías, achegando o elemento esencial para o seu desenvolvemento: as usuarias.
As profesionais dos Servizos Sociais do Concello de Pontevedra foron as encargadas de seleccionar e derivar cara a NAIS as 26 mulleres que, hoxe en día, están a traballar para mellorar a súa situación e afastarse do risco de exclusión social, guiadas polo equipo multidisciplinar do programa, que traballa con elas nun espazo cedido para este fin no centro municipal Casa Azul.
A maioría son nais con crianzas de 0 a 8 anos, aínda que tamén participan varias con fillos/as maiores de 12 anos e con diversidade funcional. Malia que todas están á fronte de familias monoparentais, o seu perfil biográfico é moi heteroxéneo: hai da terra e inmigrantes, con titulación universitaria e con estudos básicos; unhas carecen de apoio da familia extensa por falta de contacto ou separación traumática e outras porque están no seu país de orixe, hainas que viven en pisos compartidos e en casas de acollida...
Case todas elas contan con formación e/o experiencia laboral en hostalería, limpeza e/o coidado de persoas dependentes. E as que traballan fano, na súa maioría, sen contrato nin horario fixo. A conciliación familiar, o alugueiro dunha vivenda ou a regularización laboral é para elas unha quimera. Esta realidade pon o foco nos outros destinatarios do programa: os menores que están a cargo destas mulleres, que viven unha situación de inestabilidade e precariedade que lastra o seu dereito a unha infancia feliz.
A resposta do programa
Co obxectivo de reverter esta situación, o programa NAIS dálles formación homologada ou ensaiar entrevistas de traballo, dirixidas á inserción laboral; media con entidades, empresas e particulares para posibles ofertas formativas e laborais e asesóralles e apoia na procura e acceso de recursos sociais (prestacións, axudas, tramitacións....). Ademais facilítalles recursos tecnolóxicos para a realizacióm de trámites e/ou formación e entrégalles produtos sanitarios e de hixiene, roupa, material escolar, alimentos, etc.
Nesta segunda edición as usuarias do programa están a realizar os seguintes cursos de formación: manipuladora de alimentos, monitora de comedor, monitora de campamento e atención a domicilio de persoas dependentes.
A diversidade biográfica e de situacións explica a aposta de NAIS polo deseño de itinerarios individualizados de traballo e por un seguimento personalizado para cada usuaria. Pero tamén hai sesións en grupo, en función dos ritmos e intereses das participantes. O tempo do programa é de seis meses. Remata a finais de xuño.
A Fundación María José Jove que puxo en marcha o programa na Coruña no ano 2021 destaca que NAIS non só favorece a inclusión laboral e formativa, senón tamén social a todos os niveis: con nenos/as máis escolarizados, participación en actividades socio-culturais, maior coñecemento da contorna e os recursos sociais, etc. Na actualidade desenvólvense módulos NAIS na Coruña, o Consorcio As Mariñas, Pontevedra e no Val Miñor.