MANTÉN A CAPACIDADE DE INVESTIMENTO SEN REPERCUTIR NAS ECONOMÍAS FAMILIARES
Lores presenta un borrador de orzamentos de máis de 91 millóns de euros, adaptados á situación de inflacción
Pontevedra, 27 de outubro de 2023. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu en rolda de prensa este venres, 27 de outubro, para dar conta dos traballos realizados polos servizos de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra, á hora de elaborar e ofrecer un borrador dos orzamentos para o ano 2024.
«Decidiuse declarar prioritarios os orzamentos do 2024 pois consideramos que debemos aprobalos en tempo en forma», explicou o rexedor. «Entre o ano 2022 e agora producíronse moitas variacións que fixeron que a aprobación dos orzamentos sexa un asunto perentorio. Quero agradecerlle ao concelleiro e ás traballadoras e aos traballadores doservizo que teñamos hoxe este borrador, un borrador moi avanzado pero que non está pechado, obviamente».
Lores sinalou que «noutras circunstancias» non sería preciso aprobar un novo orzamento, mais coas variacións «brutais» que se produciron na situación económica global, semella «imprescindíbel facelo».
Os orzamentos do 2024 contan cunha serie de características concretas, como a de ser uns orzamentos «feitos para adaptarse á inflación que en dous anos anda ao redor do 13 %». «Falamos da suba de prezos xeralizada, os xuros, a enerxía, os custes dos créditos...».
Deste xeito, os capítulos que máis soben de contía son os capítulos I e II, relacionados co gasto de persoal e o gasto corrente, «mais o Concello manterá a súa capacidade de investimento, entre outras cousas porque é imprescindíbel e necesaria para complementar a execución dos fondos europeos que teñen que ter consignada unha aportación municipal». Doutra banda, Lores indicou que ten por obxectivo que a situación de suba de prezos, no que atinxe ao Concello, non repercuta nas economías familiares, polo que seguirán conxeladas as taxas e os impostos por un ano máis.