Mosquera acusa ao PP de eliminar os plans Ágora e Revitaliza “deixándoos vexetar sen cartos e sen impulso ”
A modificación de crédito do Pleno da Deputación de mañá pasará os 2,3 millóns de euros dispoñibles dos plans de mobilidade e residuos a outras actuacións
Pontevedra, 26 de outubro de 2023. O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, acusou hoxe ao novo goberno da Deputación de eliminar os plans Ágora de Mobilidade e o Revitaliza de residuos “deixándoos vexetar sen cartos e sen impulso”. O nacionalista explicou que a modificación de crédito que se aprobará mañá no Pleno provincial destinará “ata o último céntimo” dos case 2,3 millóns de euros dispoñibles en ambos proxectos a outras actuacións, entre elas o Plan de Infraestruturas Deportivas.
Mosquera destacou a importancia de ambos programas, que botaron a andar no 2015 dando resposta a necesidades dos concellos da provincia en materia de residuos e mobilidade con propostas innovadoras. Destacou que aínda hoxe están adheridos a ambas iniciativas concellos “de todo signo e condición” sen que se abrise batalla política nin confrontación ao poñelos en marcha. “Sabemos que había unha parte da executiva do PP que quería sabotealos, pero a maioría decidiu que non tiña sentido porque eran bos para todo o mundo”, puntualizou o voceiro do BNG.
Lembrou tamén o nacionalista que o Plan Revitaliza -de tratamento de residuos baseado na compostaxe- recibiu recoñecementos internacionais da axencia europea Zero Waste dous anos seguidos e motivou o interese de moi diferentes estados e cidades do mundo (China, Brasil, Príncipe...). Sobre o Plan Ágora, destinado a potenciar a recuperación do espazo público e a tratar as vías provinciais e municipais con criterios de seguranza viaria e comodidade para as persoas, salientou que recibiu tamén premios e distincións da DXT, o Estado, ou a Asociación Española da Carretera, e foi destacado como experiencia singular en foros internacionais en Perú, Suecia, Portugal e en varias cidades e provincias do estado español.
É por estes motivos que o anterior responsable político de ambos programas manifestou a súa incredulidade pola decisión do PP de destinar todos os fondos que quedaron dispoñibles nos dous plans (682.000 euros de Ágora e 1.606.000 euros do Revitaliza) a outras actuacións que, ao seu xuízo, “poderían agardar ao orzamento do ano próximo”. O cambio, sen embargo, farase efectivo mañá ao aprobarse a modificación de crédito no Pleno.
César Mosquera defende que os dous programas teñen éxito e son “símbolos recoñecidos externa e internamente da Deputación”
“Cárganse os dous programas máis exitosos que había cos concellos, dous símbolos recoñecidos externa e internamente da Deputación que funcionaban sen grandes problemas e tiñan éxito e aceptación administrativa e social. É unha realidade que non logro entender”, sallientou o nacionalista. Engadiu, no caso do Revitaliza, que tampouco se cubriu a baixa por xubilación do director do programa, Carlos Pérez.
Mosquera subliñou que “non hai posible xustificación” para retirar o financiamento a ambos programas, e destacou que os concellos van quedar este ano sen as axudas para a redacción de proxectos de mobilidade e as axudas para compostaxe. “Non hai posible xustificación, todas as partidas que quedaban sen esgotar –que as había, a pesares do que dixo o goberno provincial- marchan para outras actuacións, e os cartos poderían terse sacado doutros sitios. Estes plans pasan a ser secundarios. Vese que triunfou a liña da executiva do PP que quería opoñerse e rebentar isto, e que tiña o seu símbolo máis claro en Domínguez subido ao composteiro coa picacha. Antes parecía o grupo minoritario, agora actúan como se fose o maioritario”, insistiu.
O portavoz do BNG quixo deixar aberta unha porta á esperanza e á incorporación de novos fondos no orzamento do próximo ano. Recoñeceu que a eliminación de ambos programas “non é algo tan bruto como a paralización do Museo, pero quitan o financiamento e deixan que esmorezan. Non é unha eliminación tan traumática, pero por inanición van esmorecer. déixanos vexetar sen impulso e sen cartos. É máis sutil, pero ten o mesmo resultado”, salientou.
Museo e Santa Clara: nada de nada
O portavoz nacionalista criticou tamén a inacción do Goberno da Deputación no relativo a Santa Clara e o Museo de Pontevedra. Destacou que o vicepresidente Domínguez anunciou hai máis dun mes que ía haber novidades “en 10 días, 5 días, próximamente...”. “Pasaron os prazos de maneira xenerosa e non vemos nada de nada. Vese que está decidido parar todo. En Santa Clara neste mandato só haberá papeis e líos, e no Museo, nos Edificios Centrais, igual algo farase, pero as prioridades van por outro lado”, destacou, cualificando a situación como “grave” e anunciando que “estaremos vixiantes”.
Puntualizou tamén o nacionalista que o que o vicepresidente Domínguez dixo sobre a nova directora do Museo, que era definitiva, “non é certo”, xa que a resolución presidencial do nomeamento só outorga unha “atribución temporal de funcións de dirección”. “O Museo está sen dirección”, sentenzou.