O IES de Soutomaior demanda un grupo de atención á diversidade para atender ao alumnado que o precise
Soutomaior, 25 de outubro de 2023. O IES de Soutomaior demanda un grupo de atención á diversidade despois de que a Xunta deixe ao alumnado do instituto sen o Programa de Diversificación Curricular (PDC) que se viña aplicando nos últimos anos no centro educativo e co que tanto o profesorado como os pais e nais contaban para este ano escolar. O PDC é unha ferramenta da educación pública que ten por obxectivo que aqueles alumnos e alumnas con máis dificultades podan ser xuntados nun grupo de atención á diversidade que atenda as súas dificultades e lles permita seguir cos seus estudos coas mesmas garantías que o resto do alumnado.
Para o BNG, que o IES de Soutomaior conte con un PDC que garanta un grupo de atención á diversidade é imprescindible para que aqueles alumnos e alumnas do concello que máis o precisan teñan a súa disposición este programa que defende o seu dereito a recibir unha educación pública digna e de calidade. Neste sentido, o BNG sinala que sempre estará na defensa da ensinanza pública e pide que se busquen solucións para garantir os dereitos da comunidade educativa de Soutomaior.
O BNG lamenta que a Xunta recorte aos alumnos que máis o precisan e levará o tema ao Parlamento galego
O responsable local do BNG, José Costas, asegurou que “non é normal que a Xunta recorte na ensinanza pública, e moito menos cando eses recortes afectan ao alumnado que máis necesita de ferramentas específicas para seguir adiante coa súa ensinanza. Estes recortes na ensinanza pública só provocan que, mentres aquelas familias que si dispoñen de recursos poden buscar alternativas para garantir a atención educativa dos seus fillos e fillas, aquelas familias que non conten con eses recursos non poderán facelo.
Costas tamén anunciou que o BNG levará nas vindeiras semanas esta situación ao Parlamento galego, co obxectivo de demandar solucións a esta situación que o instituto está a vivir. Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, tamén solicitou en varias ocasións á Xunta que revise a denegación do PDC ao IES Soutomaior, co obxectivo de non deixar sen este servizo tan necesario ao alumnado do instituto para que todos os rapaces e rapazas conten coas mesmas oportunidades educativas.