Lores: “Póñome a disposición do BNG para encabezar a candidatura ás vindeiras municipais cun programa a 10 anos vista”

2022-06-16 11.39.07-DSCF9668
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores anunciou a súa intención de poñerse a disposición da militancia do BNG para encabezar a candidatura ás vindeiras eleccións municipais, con toda a ilusión e paixón e un proxecto a dez anos vista
Lores: “Póñome a disposición do BNG para encabezar a candidatura ás vindeiras municipais cun programa a 10 anos vista”

Pontevedra, 16 de xuño de 2022. Arroupado pola Portavoz Nacional, Ana Pontón, e a totalidade do grupo municipal (agás Anabel Gulías e Alberto Oubiña que se atopaban en Suecia nun congreso internacional para falar do Modelo de cidade), o alcalde de Pontevedra anunciou hoxe a súa intención de poñerse a disposición da militancia do BNG para encabezar a candidatura ás vindeiras eleccións municipais de 2023.

Afirmou sentirse moi ben tanto desde o punto de vista físico, anímico e familiar, como, desde o punto de vista político, xa que "estou, sen ningunha dúbida, no meu mellor momento dende que son alcalde de Pontevedra".

Recoñeceu que pensou moito en si volver presentarse ou non, até que hai un mes o comentou no grupo municipal. "Déronme o seu apoio e, tan atinados coma sempre, recomendáronme que me fixera a min mesmo a seguinte pregunta: “A ver Migueliño, de corazón, se fose para presentarte por primeira vez, atópaste co empuxe, con ilusión e con ideas e proxectos para facelo con todas as garantías?”. A miña resposta foi un si, sen sombras nin matices. Polo tanto, preséntome, é dicir, póñome a disposición do BNG para que tome a decisión.

Falar de futuro: un proxecto a dez anos vista

Lores preséntase cun proxecto a 8-10 anos vista, "pois non sería capaz, sentiríame moi incómodo cun proxecto a curto prazo". Se fose sen unha perspectiva de futuro a máis longo prazo, teríame costado moito tomar a decisión de presentarme. É a única condición que puxen e estou convencido de será compartida.

"Evidentemente, quen ten a última palabra é a cidadanía de Pontevedra, pero eu quero presentarme ante ela coas ideas claras, seguro do que propoño e cun horizonte temporal definido. Nunca dixen o que non sentía nin prometín o que non estaba seguro de poder cumprir e así quero que sexa tamén esta vez".

A súa decisión leva, pois, aparellada falar de futuro, de abrir unha nova etapa a partires de 2023. "O feito en anteriores etapas, feito está, xa é pasado, xa forma parte da historia da cidade, creo que brillante e orgullosa, e servirá de punto de partida para traballar nesta nova etapa", afirmou.

2022-06-16 11.08.45-DSCF9531
2022-06-16 11.08.45-DSCF9531

Abrir unha nova etapa con novos retos, con novas propostas, con renovadas ilusións, unha nova etapa con fresca e entusiasta paixón por gañarmos o futuro.

 

Unha campaña dura e marrulleira

Lores augurou que a campaña será "a máis dura e marrulleira das que tiven que enfrontar". Sufriremos unha campaña soterrada de infundios e maledicencias, sufriremos fiscalías e xulgados, cando non escraches ou agresións físicas. As forzas escuras xa están aplicando esas noxentas prácticas e o previsíbel é que aumenten cando se acheguen as Eleccións. Vai ser unha campaña áspera e difícil.

 

Soños colectivos

Para esta nova etapa Lores proponlle á cidadanía de Pontevedra os seguintes retos, os seguintes soños:

  • O soño de ter unha cidade e un rural de elevada calidade de vida.
  • O soño de que todas as veciñas e veciños de Pontevedra sexan tratados coa máxima equidade.
  • O soño de lograr que Pontevedra sexa referente mundial en cada vez máis ámbitos.
  • O soño de estimular e aproveitar a explosión de creatividade.
  • O soño dun concello cun grande dinamismo social, económico, cultural e deportivo.
  • O soño de poñer en valor todas as nosas potencialidades.
  • O soño de ver Santa Clara, a ría, a xunqueira, o monte, a pleno rendemento.
  • O soño dunha nova xeira de infraestruturas e de ver rematada a Circunvalación.
  • O soño dunha ecoloxía urbana de vangarda, da economía circular e de outras medidas contra o cambio climático.

"Estes soños merecen a implicación de todas as persoas que lle queren de verdade a Pontevedra e, polo tanto, a miña implicación e o meu compromiso".

 

Paixón por transformar

Lores comezou a súa intervención referíndose ao mandato actual como un mandato difícil e duro, pero á vez moi ilusionante, diría que apaixonante.

Un mandato difícil pola COVID, polo enorme sufrimento da sociedade dende o punto de vista sanitario, social, económico e psicolóxico, acrecentado nestes momentos pola tremenda inflación que estamos a padecer. Pero tamén difícil pola ofensiva das forzas escuras, de Pontevedra e fóra de Pontevedra, contra os avances de Pontevedra especialmente nos ámbitos ambiental e de modelo de cidade.

Pero este mandato está a ser ilusionante, pola cantidade de proxectos de futuro que se botaron a andar. "Non vou facer un relatorio de todos eses proxectos, pero permitídeme que faga unha referencia especial a Santa Clara, unha inmensa ilusión compartida por toda Pontevedra", afirmou Lores.

"Cada un é como é, e eu son como son. Na miña vida tiven que superar moitas dificultades. Pero as dificultades sempre me motivaron, sempre me fixeron dar o mellor de min. Resolver os problemas do día a día danme unha grande satisfacción, pero poñer en marcha proxectos avanzados de futuro xérame ilusión, unha enorme ilusión", dixo Lores, que rematou a súa comparecencia recalcando que se presenta ás vindeiras municipais con toda a paixón por Pontevedra e cun proxecto a medio prazo, cun horizonte de dez anos".

2022-06-16 11.24.09-DSCF9617

Máis ilusión e máis entusiasmo que nunca para revalidar a confianza da veciñanza de Pontevedra

A portavoz nacional, Ana Pontón, que se desprazou a Pontevedra para acompañar ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no seu anuncio público de que está decido a revalidar a confianza da veciñanza de Pontevedra volvendo encabezar a candidatura do BNG, confesou que é “unha alegría especial”.

“Todo o BNG ten mirado para o BNG de Pontevedra para aprender como se pode gobernar para mellorar a vida das persoas, como se pode usar o goberno como instrumento de transformación en positivo da sociedade, e eu mesma teño aprendido moito do seu xeito de afrontar os problemas, da súa forza e cohesión como colectivo, un exemplo”, salientou Pontón na súa intervención.

A líder nacionalista resaltou unha das cuestións que considera parte fundamental do éxito do BNG na cidade do Lérez: a confianza que teñen nas nosas posibilidades e fe na sociedade pontevedresa, “para desde esa confianza buscar solucións e alternativas das máis avanzadas do mundo pero adaptadas á nosa realidade, neste caso á realidade de Pontevedra”.

Ao lado desa confianza e desa fe, Pontón destacou a “valía” das persoas que “con gran brillantez” poñen “as súas capacidades ao servizo do avance de Pontevedra”, o que sumado ao factor Lores explica que a cidade se teña convertido nun referente internacional.

“Porque si, hai algo especial que se chama Lores, que ten algo que non se aprende, que sen ten ou non se ten, esa ilusión permanente e infinita por facer avanzar Pontevedra, e cando fala da súa cidade todo é namoramento, paixón desbordante, é entusiasmo contaxioso polo futuro de Pontevedra”, destacou.

A líder do BNG ve ao alcalde pontevedrés cheo de ilusión e coa mesma forza para seguir liderando a Boa Vila que cando asumiu a Alcaldía por primeira vez, “mirando a un futuro mellor e coas ideas claras”, froito do seu profundo coñecemento da cidade que transformou ao longo de dúas décadas de goberno. “Ten a mesma ilusión que o primeiro día”, recalcou.

“Que teña as ideas tan claras é lóxico dados os seus coñecementos, pero esa ilusión de futuro, ese entusiasmo ou se ten ou non se ten, e Lores ten entusiasmo e ilusión para dar e regalar. Eu, que son unha persoa positiva e entusiasta, aínda así, pediríalle que me traspasase o que lle sobra a el”, insistiu afectuosa, “a paixón de Lores por Pontevedra, algo que non se pode aprender, e menos aparentar ou impostar, e Lores ten entusiasmo, ilusión e paixón para dar e regalar”, concluíu. Un entusiasmo que, declarou convencida, contará co apoio da militancia do BNG de Pontevedra

Lores: “Póñome a disposición do BNG para encabezar a candidatura ás vindeiras municipais cun programa a 10 anos vista”