O Espazo Concilia de Barro acollerá este verán 150 cativos co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral
Barro, 8 de xuño de 2022. O Goberno municipal de Barro quere seguir apostando por favorecer a conciliación laboral das familias de Barro, polo que non dubidou en reeditar unha nova edición do Espazo Concilia, que este ano, xa sen restricións sanitarias, acollerá a 150 nenos e nenas.
Esta iniciativa, que tivo un importante éxito en edicións anteriores, volverase realizar no Pazo da Crega, onde este ano os nenos e nenas xa poderán gozar por primeira vez de todo o entorno unha vez que o concello executou un proxecto de mellora dos xardíns e de toda a contorna.
Para o mes de xullo ofertaranse un total de 100 prazas e para o mes de agosto 50, xa que nese mes cae a demanda do servizo ao haber máis proxenitores de vacacións.
O prazo para a presentación de solicitudes nas oficinas municipais vai desde o día 13 ata o día 21 de xuño, e na selección das solicitudes terán prioridade aquelas nas que os menores teñan ambos proxenitores empregados. O horario do servizo diario será de 8.30 a 14.30 horas.