O BNG pretende facer do Campo da Torre un novo espazo peonil, no que as persoas sexan as protagonistas
Caldas, 7 de xuño de 2022. O Campo da Torre, un espazo emblemático, situado en pleno Camiño de Santiago, onde naceu o rei Afonso VII e ao que Caldas lle debe gran parte da súa historia, é, hoxe por hoxe, un espazo completamente colonizado polos vehículos, que desprazaron ás persoas a un rol completamente secundario.
Poñer en valor este espazo con tanto valor simbólico é unha prioridade para o BNG. Neste sentido, o portavoz municipal, Manuel Fariña, propón a creación dunha grande praza de plataforma única e de uso peonil, que lle devolva ás persoas o protagonismo neste histórico lugar.
Fariña lembrou que “devolverlle este espazo tan simbólico da nosa vila aos nosos veciñas e veciñas debe ser unha prioridade para o goberno municipal. A nosa proposta encádrase perfectamente nos puntos que marca a Rede Ágora de Concellos polo espazo público, dos que fai parte o noso municipio”.
A rede Ágora marcouse como obxectivo chegar a xuño de 2023 conseguindo que os concellos pontevedreses incrementen de forma substancial o espazo reservado ás persoas, itinerarios peonís e ciclables cumprindo un decálogo básico:
- O espazo público é un dereito
- As persoas primeiro
- Mobilidade inclusiva
- Autonomía infantil
- Mobilidades alternativas
- Espazos seguros
- Hábitat saudábel
- Espazos amabeis e de calidade
- Actividade económica de proximidade
- Mobilidade sustentábel
“Vai sendo hora de que o Concello de Caldas pase das palabras aos feitos. Animamos ao alcalde a que sen máis demora actue decididamente para mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a calidade dun espazo hoxe degradado e que precisa unha actuación contuntente e eficaz a favor das persoas”, afirmou Fariña