SOLICITA UNHA MELLORA DA PO-224
Lores: "Non podo consentir que non haxa unha alternativa agora que sabemos que non se vai construír a circunvalación"
Pontevedra, 14 de novembro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestou hoxea súa preocupación perante o histórico déficit de infraestruturas da cidade de Pontevedra, máis concretamente, a inexistencia dunha circunvalación exterior que permitise conectar o sur, o leste e norte do territorio.
O rexedor explicou que confirmou os seus “temores”, logo de sinalarse desde o Ministerio que non se quere executar a circunvalación proxectada no seu momento, e espérase que o próximo luns se rexeiten definitivamente os dous treitos que faltan.
“Pontevedra é a única cabeza de provincia que non ten circunvalación”, e perante a non execución desta obra, “non podo consentir que a cidade quede sen alternativas. A prioridade é resolver a conexión imprescindible entre o leste e o norte da cidade dalgún xeito”.
Así, desde o Concello de Pontevedra, Lores sinalou que unha posíbel alternativa podería ser a mellora da estrada autonómica PO-224. Esta estrada debe ser obxecto dun estudo “con cariño” para mellorar o seu trazado e aumentar a súa capacidade e seguridade.Trátase dun trazado duns 11 quilómetros.
O alcalde xa comunicou formalmente esta demanda á conselleira de Infraestruturas, indicando que se trata dunha obriga do alcalde para mellorar a conexión dos pontevedreses e pontevedresas, e non dun capricho. A conselleira manifestou o seu interese en estudar esta proposta.
Cómpre lembrar que o Concello presentará no pleno do vindeiro luns unha emenda de adición ás mocións do PP e do PSOE, solicitando formalmente á Xunta de Galiza a mellora desta PO-224.