Roteiros, obradoiros, títeres e unha exposición dentro do programa de actividades elaborado pola Fundación Manuel Moldes e o Concello de Pontevedra

May Díaz e Demetrio Gómez
May Díaz e Demetrio Gómez
Roteiros, obradoiros, títeres e unha exposición dentro do programa de actividades elaborado pola Fundación Manuel Moldes e o Concello de Pontevedra

Pontevedra, 14 de novembro de 2025. O edil de Cultura Demetrio Gómez, acompañado pola presidenta da Fundación Moldes, May Díaz Cacheda, presentou a programación elaborada conxuntamente para difundir e poñer en valor a obra e figura do artista pontevedrés Manuel Moldes. 

Terá lugar nestes últimos meses do ano e busca, como destacou o edil, “sacar a arte da academia e chegar a toda a veciñanza de Pontevedra” a través de visitas guiadas e roteiros, obradoiros artísticos para cativada, títeres e unha mostra que formará parte da programación dos premios Feroz. 

“En Pontevedra temos a sorte de ter un tecido asociativo e institucional realmente potente para para elaborar unha boa axenda cultural. A Fundación Moldes ten un papel preponderante, por iso para nós presentar unha colaboración entre Concello e Fundación Manuel Moldes é do máis importante que facemos ao longo do ano. Cando iniciamos esta proposta hai un par de anos, estivemos de acordo en que o realmente importante era quitar a arte da academia. O mellor das actividades que é que están destinadas a toda a veciñanza de Pontevedra, para que todo o mundo poida achegarse á arte contemporánea, coñecer unha figura tan importante como Moldes e facelo no seu propio contexto, cunha preponderancia especial das actividades para crianzas, para crear ese novo público e achegalo as artes plásticas”, afirmaba Demetrio. 

A presidenta da Fundación Moldes, May Díaz foi a responsable de debullar a programación que xa tivera un primeiro avance no mes de outubro coa representación de ‘A regadora do asubiote’ de Viravolta Títeres. 

O día 22 deste mes terá lugar a visita ao mural da UNED con 13 metros, pintado por Moldes no ano 87. Con saída do conservatorio Mayeusis preto das 12 da mañá, contará cunha explicación guiada por un profesor de Belas Artes sobre o mural e un posterior roteiro pola cidade relacionado co mural. Esta require de inscrición previa no mail info@fundacionmanuelmoldes.org. 

No mes de decembro iniciarán os obradoiros artísticos da man de Taller Abierto, destinados a rapazada de 6 a 12 anos están centrados na obra de Manuel Moldes onde poderán coñecer o seu estilo, motivacións, temas predilectos e algunhas das obras fundamentais da súa carreira. O primeiro deles será o día 20. Máis información no sitio web e redes de Taller Abierto. c

O día 27 na Fundación Manuel Moldes terá lugar a representación de ‘Barriga Verde’ da man de Viravolta Títeres. Busca “manter a tradición, reivindicar o papel do títere, de Barriga Verde e dar a coñecer aos irmáns Silvent que son de aquí, de Pontevedra”, apuntaba Moldes que remitía ás redes da Fundación Moldes para ampliar información sobre cada unha das actividades. 

Por último e como sorpresa e “prato forte, terá lugar a inauguración da mostra ‘Bicos de cine’ que formará parte da programación dos premios Feroz. Terá lugar o 3 de decembro, data na que se cumpren 8 anos da morte do artista. Unha serie de debuxos pintados no ano 91 para o Festival de Cine de Carballiño, que forman parte da Filmoteca de Galicia e veñen a Pontevedra da man de Ramón Rozas e que se van expoñer grazas a colaboración do Concello, dentro da programación dos Feroz e coincidindo con Novos Cinemas. Unha mostra que estivo en Pontevedra no 92 da man do Cineclube pero que é descoñecida para a maioría dos pontevedreses e pontevedresas.”

Roteiros, obradoiros, títeres e unha exposición dentro do programa de actividades elaborado pola Fundación Manuel Moldes e o Concello de Pontevedra