O Concello de Pontevedra lanza a terceira campaña de control de VMPs
Pontevedra, 14 de novembro de 2025. A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, anunciou o comezo da terceira campaña específica de control de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMPs) que se levará a cabo nas rúas de Pontevedra.
Esta campaña está programada para o vindeiro luns, 17 de novembro, e estenderase até o domingo 23 de novembro. Nun principio, será a última campaña prevista para este ano 2025, a non ser que as condicións meteorolóxicas requiran un adiamento ou aumento da súa duración.
A necesidade destes controis xorde do aumento da circulación de VMPs nas rúas, incluídas as do centro. A edil subliñou que a prioridade do Concello “son e serán sempre as persoas”, e. polo tanto, é fundamental protexelas tanto de posibles accidentes por circulacións irregulares como da sensación de perigo que estes vehículos poden causar.
No que vai de ano, a Policía Local rexistrou un total de 230 denuncias contra VMPs. Destas, 205 foron competencia municipal por incumprimento da ordenanza de mobilidade amábel, e as 25 restantes foron trasladadas á xefatura provincial de tráfico.
Até o momento, os VMPs estiveron implicados en 15 accidentes; dous deles, na Avenida Conde Bugallal e en Raíña Vitoria con Pastor Díaz, foron de tal gravidade que requiriron a elaboración de atestado xudicial por feridos.
As infraccións máis habituais detectadas foron:
- Circular pola beirarrúa.
- Dar positivo en alcohol e drogas.
- Non dispoñer da homologación ou non cumprir cos requisitos técnicos de normativa.
Durante esta nova campaña, a vixilancia centrarase especialmente nas rúas do centro —como Michelena, Gutiérrez Mellado e Peregrina— e nas contornas dos centros escolares, onde se rexistran queixas por velocidades altas ou carreiras entre VMPs.
Desde o departamento da Policía Local lembra que os VMPs son vehículos, non persoas, polo que deben respectar toda a sinalización e normas de tráfico. O límite de velocidade para VMPs é de 25 km/h en todos os casos. Con todo, en zonas de convivencia (plataformas únicas ou centro histórico), a velocidade máxima é de 10 km/h.
Entre as prohibicións clave podemos atopar:
- Está prohibido circular polas beirarrúas e pasos de peóns, xa que son zonas de exclusividade peonil.
- Non se pode circular baixo os efectos do alcohol ou drogas, nin empregando dispositivos móbiles.
- Levar menores no patinete será sancionado.
Ademais, a edil fixo fincapé na importancia de esixir un certificado coas características técnicas do vehículo no momento da compra. Recordouse tamén que a partir de xaneiro de 2026 será obrigatorio dispoñer de seguro obrigatorio e que estes vehículos deben estar rexistrados na Dirección Xeral de Tráfico. Aconséllase o uso de casco para menores de 16 anos e facerse visible mediante luces ou chaleco.