Lores leva a Pontevedra até o Banco Mundial e recibe o aplauso unánime dos asistentes na súa sede en Washington
Pontevedra foi a protagonista da derradeira sesión do congreso promovido polo Banco Mundial na súa sede de Washington DC. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, logrou con éxito expoñer as claves do recoñecido modelo urbano da cidade diante dun público chegado de distintas e diversas partes do mundo.
O rexedor repasou polo miúdo as distintas problemáticas que padecía Pontevedra a finais dos anos 90, para logo amosar as propostas que se puxeron en marcha e o resultados das mesmas, como a redución da velocidade, a instalación de pasos de peóns sobreelevados, o incremento do espazo dos espazos peonís en todas as rúas ou a redución do tráfico innecesario.
Trala súa exposición inicial, Fernández Lores compartiu mesa, conversa e debate con:
- Claudia Adriazola-Steil, Subdirectora, Mobilidade Urbana Global e Directora de Saúde e Seguridade Viaria, Instituto de Recursos Mundiais
- Shelley Bontje, Xestora de Coñecemento e Asociacións, Embaixada Holandesa da Bicicleta, Países Baixos
- Humphrey Kanyenye, Coordinador de Proxecto, Axencia de Estradas Rurais e Urbanas de Tanzania (TARURA)
- Mirko Radovanac, Presidente da Campaña Ciclista Iugoslava (YCC), Serbia
- Nhan Tran, Xefe de Prevención da Violencia e das Lesións (VIP), Organización Mundial da Saúde (OMS), Suíza
Cada un dos poñentes foi interpelado para definir “nunha palabra ou nas mínimas posíbeis” o logrado por Pontevedra, sendo as respostas as seguintes: “brillante”, “responsabilidade”, “gran planeamento” e “saúde e seguridade”.
Como é habitual neste tipo de conferencias, ao remate da mesma, sucedéronse as preguntas dalgúns dos asistentes, e mesmo dos poñentes, que tiñan curiosidade por saber “que fixeron cos automóbiles dos residentes?”, resposta na que o rexedor sinalou que Pontevedra non é unha cidade sen coches, senón que ten os coches necesarios para que o tráfico funcione, entre eles, os vehículos cun destino como tal, como son os garaxes ou as aparcadoiros públicos, desbotando o tráfico de axitación ou de paso.
ENCONTROS
Previamente, Fernández Lores compartíu ideas con diferentes convidados, asistentes e oradores, que pasaron polo auditorio situado no interior do Banco Mundial.
“Sempre é e será un orgullo poder representar a Pontevedra nestes foros”, explica o alcalde. “Pontevedra foi quen de atopar o seu camiño e de volverse unha referencia internacional no eido do urbanismo e a mobilidade. É difícil trasladar todo o interese que nos transmiten neste tipo de congresos que, sen dúbida, continúan posicionando e atraendo olladas cara a nosa cidade”.
Doutra banda, o rexedor lembra que “hai que seguir escoitando e vendo que están a facer no mundo”, namentres asistíu a algunhas das palestras programadas.
REUNIÓN CON STEPHEN GYOR, PLANIFICADOR PRINCIPAL DE SUSTENTABILIDADE NA OFICINA DE PLANIFICACIÓN DE WASHiINGTON DC
A campaña de divulgación do modelo urbano de Pontevedra en Washington DC chegou o xoves, 12 de marzo a súa fin. A viaxe do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, á capital norteamericana tiña como principal reclamo a súa participación no foro anual de mobilidade do Banco Mundial, mais acabou por se construír unha intensa axenda de reunións ao máis alto nivel; primeiro coa embaixadora de España, Ángeles Moreno, e, por último, con Stephen Gyor, director principal de Sostenibilidad de la Oficina de Planificación de Washington DC.
Foi precisamente esa primeira reunión a que abriu á porta para que Pontevedresa puidese chegar até as oficinas do Concello de Washington, distrito dirixido pola alcaldesa Muriel Bowser. Así, este xoves, coa marxe xusta para poder coller o avión de volta, o rexedor pontevedrés achegouse até a Oficina de Planificación do Distrito de Columbia (DC Office of Planning), con Stephen Gyor á cabeza da mesma ao longo de máis dunha década. O rexedor estivo acompañado polo director xeral de Mobilidade do Concello de Pontevedra, Jesús Gómez Viñas, e polo conselleiro económico e comercial xefe de España en Washington DC, Juan Francisco Martínez García.
No edificio da Oficina de Planificación, director e alcalde sentaron para compartir os traballos realizados por cadansúas cidades, ao tempo que comentaron os retos que o futuro pon sobre a mesa á hora de lograr cidades máis habitábeis e con mellor calidade de vida, atendendo a problemáticas globais como o cambio climático.
A xuntanza, de máis dunha hora de duración, foi de enorme interese para ambas as dúas partes, sinalando o alcalde que Pontevedra quere seguir “ollando e aprendendo do que se está a facer no mundo para seguir avanzando á hora de mellorar a calidade de vida das persoas”. Gyor quedou sorprendido pola capacidade de Pontevedra para dar semellante cambio en dúas décadas, sen a necesidade de cámaras ou métodos de control constante, gabando a capacidade da propia cidade para escoller ese camiño de reducir os tráficos innecesarios, con todo o que iso supón en beneficios directos.
Pola súa banda, Lores sinalou o bo traballo de planificación no que a cidade de Washington vén traballando ao longo destes anos, poñéndose como meta o ano 2050 para desenvolver accións e propostas que lle permitan a cidade seguir medrando de cara ao futuro.
O alcalde valora moi positivamente á viaxe realizada, indicando que Pontevedra é unha referencia internacional que chega até os máis altos foros de urbanismo e mobilidade. A conferencia no Banco Mundial marca un novo fito para a cidade, funcionando como un novo espazo no que se deu a coñecer a transformación da cidade, atraendo novas olladas, preguntas e, de seguro, novas posibilidades no futuro de seguir sorprendendo ao mundo.