O concello solicita á Xunta que solucione o colapso da sanidade pública en Soutomaior
Soutomaior, 11 de marzo de 2026. A situación sanitaria, trala xubilación dunha das facultativas do centro de saúde de Arcade é insostible. Unha situación que pode provocar quede soamente un facultativo para atender a toda a poboación do concello de Soutomaior.
Un centro de saúde de Arcade onde cada facultativo xa tiña que atender a unha media de 80 persoas o que traía con sigo listas de agarda inadmisibles.
O alcalde de Soutomaior dixo nesta xornada que “as baixas que non se cobren están provocando un colapso do sistema sanitario do concello” trátase, segundo dixo Manu Lourenzo, “de compromisos incumpridos sistematicamente por parte da consellería de sanidade” ao que o alcalde engadiu que “en Soutomaior coñecemos as consecuencias de falta de facultativos e por iso demandamos que a Xunta de Galiza non discrimine á veciñanza de Soutomaior, unha veciñanza que merece unha sanidade pública de calidade”. O alcalde de Soutomaior sinalou que “é alarmante a situación actual, unha situación que xa fixo que no seu momento se levasen a cabo diferentes mobilizacións e que, se na actualidade se ven na obriga, non descartan volver ás mobilizacións polos incumprimentos sistemáticos da consellería de Sanidade co concello de Soutomaior”.
NOVO CENTRO DE SAÚDE
En relación ao novo centro de saúde de Soutomaior, o alcalde, lembrou que cando chegaron ao Goberno estaban todos os deberes sen facer e dende que chegaron puxéronse a traballar conseguindo en tempo récord pór a disposición da Xunta de Galiza os terreos para o novo e necesario centro de saúde do concello.
Tal e como lembrou o alcalde, “dende a entrega dos terreos para o novo centro de saúde á Xunta, o concello non tivo resposta en relación a esta importante e necesaria infraestrutura , polo que solicitamos que a consellería realice canto antes a aposta por este centro para que a veciñanza conte canto antes coa sanidade pública que merece”.
Lourenzo tamén dixo nesta xornada que “dende o Goberno Local non aforraremos esforzos en facer que este centro de saúde sexa unha realidade canto antes”.
En relación a estes dous temas, o alcalde, Manu Lourenzo, mandou esta mañá unha solicitude de reunión ao conselleiro de Sanidade para coñecer e afondar na situación da sanidade pública no concello de Soutomaior.