O Concello de Barro renovará o parque infantil de Santo Antoniño para crear un novo espazo de encontro para as familias

Abraldes e Andrea no parque infantil de San Antoniño
Abraldes e Andrea no parque infantil de San Antoniño
O Concello de Barro renovará o parque infantil de Santo Antoniño para crear un novo espazo de encontro para as familias

Barro, 12 de marzo de 2026. O Concello de Barro renovará o parque infantil de Santo Antoniño cun proxecto que permitirá modernizar esta zona de lecer e convertela nun punto de encontro máis atractivo e funcional para as familias do municipio.

A actuación suporá unha transformación do actual parque infantil, incorporando novos xogos máis modernos e adaptados ás necesidades actuais da cativada, ademais dunha reorganización do recinto para facelo máis cómodo e agradable para o seu uso diario.

O novo parque contará cunha gran estrutura de xogos combinada con torres, pasarelas e tobogáns, ademais doutros elementos pensados para diferentes idades. O Concello prevé tamén que o parque dispoña de sombra natural, coa plantación de árbores que permitirán crear un lugar máis confortable e pensado para o lecer ao aire libre.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a concelleira Andrea Pérez Cal visitaron recentemente o lugar no que se desenvolverá a actuación.

Segundo destacou o alcalde, a renovación deste parque responde a unha demanda trasladada pola veciñanza e forma parte do compromiso do goberno municipal coa mellora dos espazos públicos. “Queremos que Barro conte con espazos públicos de calidade, pensados para o día a día das familias. Este parque é un lugar moi utilizado pola veciñanza e consideramos importante renovalo para que sexa máis moderno, máis cómodo e máis atractivo para as crianzas”.

Fernández Abraldes subliñou tamén o valor social deste tipo de espazos, que favorecen a convivencia e a vida comunitaria. “Os parques infantís son tamén lugares de encontro, onde as familias comparten tempo e onde se reforzan as relacións entre a veciñanza. Melloralos é apostar por unha mellor calidade de vida no noso concello”.

O proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local e conta cun investimento de 99.783,03 euros.

O Concello de Barro renovará o parque infantil de Santo Antoniño para crear un novo espazo de encontro para as familias