LA LINEA DE LA CONCEPCIÓN (CÁDIZ)
Lores inaugura o Congreso Cidades que Camiñan falando da recuperación dos Gafos como exemplo de renaturalización urbana
16 de outubro de 2025. O proxecto de renaturalización do río dos Gafos foi protagonista esta mañá no XII Congreso Cidades que Camiñan, que se celebra en La Linea de la Concepción (Cádiz), congreso no que Miguel Anxo Fernández Lores exerceu o seu dobre papel como rexedor de Pontevedra e presidente do colectivo, motivo polo cal tamén declarou inaugurado o evento.
A renaturalización do Gafos como exemplo
A recuperación do río pontevedrés foi posto de exemplo como único caso que se rexistra na actualidade en todo o Estado para destapar unha canle que percorre dentro dunha tubería boa parte do seu treito urbano.
Logo de falar das diversas alternativas que se barallaron para levar a bo fin o proxecto e proxectar diversas imaxes sobre a función social que tivera o río ao longo do tempo, Lores falou do proceso de enclaustramento do río nos anos 70 e do que será a súa recuperación cando o actual proxecto tome forma, como eixo central do parque de Campolongo ao ser liberado das placas que o agochan.
Lores: "O proxecto de renaturalización do Gafos traerá a Pontevedra o nivel de socialización que perdeu após o seu ocultamento"
Será un ecosistema natural que irá dotándose da súa propia biodiversidade tanto na zona propiamente inundable, na de Ribeira, e nas de paseo fluvial e parque fluvial, catro estadías que acompañarán ao río que procede de Tomeza e acabará nas Corvaceiras.
Calmar tráfico, salvar vidas
Como presidente da Rede, o alcalde abriu o Congreso acompañado do seu homólogo de La Línea, José Juan Franco, o ministro do ambiente de Gibraltar, John Cortés, o deputado provincial Javier Vidal e a directora da DGT en Cádiz, Ana Calvo.
“Se sabemos que reducindo a velocidade e calmando o tráfico salvamos vidas, o noso traballo consiste en reducir a velocidade e calmar o tráfico”, dixo contundente o alcalde ante as case 150 persoas procedentes de concellos de todo o estado que asisten a este evento anual. Animou a outros municipios a seguir o exemplo de Pontevedra coa convicción de que serán respaldados pola cidadanía: “A xente é intelixente e valora os proxectos que melloran as súas vidas”, concluiu a intervención inaugural.
O Modelo Pontevedra en Valencia
O Congreso das Cidades que Camiñan non foi o único evento no que a experiencia de Pontevedra estivo presente fóra do país. Así, o pasado martes 14, o concelleiro de Servizos Urbanos, Xaquín Moreda, participou en Valencia nunhas xornadas sobre "a cidde xenerosa" organizadas pola Fundació del Disseny da Comunitat Valenciana.