Pontevedra acolle unha completa e variada programación para os últimos meses de celebración do Ano Castelao

Demetrio Gómez na presentación das actividades do 3º trimestre do Ano Castelao
Demetrio Gómez na presentación das actividades do 3º trimestre do Ano Castelao
Pontevedra acolle unha completa e variada programación para os últimos meses de celebración do Ano Castelao

Pontevedra, 16 de outubro de 2025. O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou esta mañá a programación de actividades que botaron a andar a principios de outubro e que, ata finais de ano, porán o broche á celebración do Ano Castelao. 

Gómez, avanzou que aínda faltaba por pechar unha proposta que “será engadida nos próximos días a esta ampla programación, posible grazas a todas as entidades colaboradoras e participantes que estiveron con nós facendo este programa do Ano Castelao, demostrando ademais que Castelao en Pontevedra segue sendo un veciño moi, moi, moi querido. Todos gardamos a memoria deste home que foi moitas cousas, entre elas veciño noso e o auténtico construtor da Galiza moderna. Debera ser, de feito, o primeiro presidente da Galiza contemporánea”. 

Antes de debullar o programa o edil quixo lembrar o traballo de Rei Zentolo co deseño do cartaz, “cun pequeno restyling sobre as versións anteriores que realmente quedou precioso e perfecto”. 

Programa Ano Castelao out-xan
Programa Ano Castelao out-xan

Entre as propostas que xa botaron a andar están as palestras organizadas da man do Ateneo, que celebrará as seguintes o 22 de outubro ás 19.00 h no Pazo da Cultura e o 29 do mesmo mes no Café Moderno. Terá tamén lugar o Centenario da Coral Polifónica de Pontevedra o 22 de outubro. 

No mes de novembro a programación contará cun roteiro por Pontevedra lembrando a Castelao dirixido ao alunado dos centros de secundaria da cidade e o día 8, a representación de ‘Os vellos non deben de namorarse’ da man de Os de Algures, Sete Espadelas, Aula de Teatro e outras entidades que, tal e como destacou o edil “é unha representación moi especial, que só se vai poder ver este día en todo o país. Contará con toda a escenografía que Castelao deseñou para esta obra e hai un traballo especialísimo de recuperación de vestiario”. 

Tamén no mes de novembro as xornadas de memoria ‘O exilio galego’ organizadas por Montse Fajardo que serán os días 14 e 15 no Centro Social do Gorgullón e o día 14 no local social de Lusquiños, a actividade infantil ‘Panchito’ da man de Polo Correo do Vento. “Gustaríanos agradecer moitísimo a Polo Correo, o esforzo que está a facer para que esta actividade e a que levaron a cabo o pasado 10 de outubro se poida desenvolver. Logo do pasamento dun dos seus fundadores, que no renunciaran a levar a cabo as actividades programadas é moi encomiable”. 

Para final de ano, o 18 decembro da man de Maiolongo, poderemos gozar dunha lectura de textos de Castelao no Café Moderno: “parecíanos unha boísima maneira de rematar o ano, escoitando a Castelao no espazo no que Castelao tiña os seus faladoiros”. 

O Ano Castelao rematará o 7 de xaneiro, día do pasamento do Castelao, nun acto institucional que contará coa presenza de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega que é a entidade que impulsou que en toda Galiza se celebre o Ano Castelao. “Que veña a esta a súa cidade a clausurar o Ano Castelao a nós gústanos moitísimo e imos aproveitar ese día tamén para deixar lembranza permanente do Ano Castelao na rúa: no número 1 da Praza de España e no 6-8 da rúa da Oliva, vivendas que Castelao e Virxinia Pereira ocuparon mentres foron veciños e veciñas de Pontevedra e que terían ocupado moito máis tempo de non ter que marchar para o exilio no ano 36.” 

Pontevedra acolle unha completa e variada programación para os últimos meses de celebración do Ano Castelao