8,9 E 10 DE NOVEMBRO. RECINTO FEIRAL
Etiqueta Negra 2025 reunirá en novembro un cento de expositores e presentará vinte novidades gourmet no Recinto Feiral de Pontevedra
Pontevedra, 17 de outubro de 2025. A novena edición de Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, celebrarase os días 8, 9 e 10 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra, consolidándose como o grande escaparate do produto galego de alta gama. O encontro reunirá un cento de expositores –dos que dezaseis participarán por primeira vez– e presentará máis de vinte novidades que reflicten o dinamismo e a capacidade innovadora dun sector en expansión.
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou o compromiso do evento coa calidade e a orixe, subliñando que é a única destas características no país. Declarou: "Este ano queremos facer fincapé na verdadeira natureza desta feira ou deste encontro. Estamos comprometidas responsábeis co noso, queremos seguir mantendo ese listón ben alto e manter viva a orixe e a esencia da feira".
Gulías engade, ademais, de forma categórica, que é "a única feira de Galiza na que se traballa con produtos de primeira calidade". A razón principal de conservar esta orixe é que o que se quere "poñer en valor é a absoluta calidade dos produtos do sector primario no noso país, pero tamén nes procesos de innovación sobre os alimentos”.
A menos dun mes do inicio, a feira case ten ocupado o 100% da súa superficie, unha mostra evidente da forte vinculación do sector con este encontro profesional que medra edición tras edición. Nestes momentos, o 28% dos expositores procede da provincia da Coruña, o 35% da de Pontevedra, o 22% da de Ourense e o 15% da de Lugo, unha distribución que reflicte a presenza equilibrada de todo o territorio galego neste evento.
As 16 novas empresas participantes son: Cacahuetes artesáns; Conservas Artesanas Gallegas; Mamá Teresa, con doces elaborados de xeito artesanal; Morriñas de Castaña, especializada en galletas de castaña; Oxóco, con chocolates artesanais con sabor galego; Lácteos Bretón e Queixería Daniberto, dedicadas á fabricación de queixos frescos e curados; Toulo, centrada na elaboración cárnica; Néboa na ría, creadora de obxectos de madeira para restauración e gastronomía; as adegas Viña Carpazal e Paco&Lola; El Nogal e Casa Merche, nos sectores de froitos secos e apicultura; Tupana Obrador, con produtos de panadaría galega; Avigal, coa súa gama de polos criados en liberdade con alimentación natural; Ke Tequeños, dedicada aos tequeños artesáns gourmet; e Conservas Lago Paganini, especializada en conservas artesanais galegas.
Como en anteriores edicións, a Tetería da Deputación de Pontevedra regresará co seu espazo dedicado a difundir as bondades da súa marca TéAreeiro. Tamén participará a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), e a Consellería do Mar, que se incorpora por primeira vez, contará cun espazo propio xunto aos produtores Algas La Patrona, Conservas Artesanas Gallegas, Contrabando da Ría, Lago Paganini, Mareterra e Pepa a Loba, reforzando a presenza dos produtos mariños galegos.
Baixo o lema “Compartindo o noso”, esta edición de Etiqueta Negra convida a descubrir a riqueza gastronómica galega, onde tradición, innovación e calidade se dan a man.
Actividades e programación
A Zona de Catas ofrecerá unha programación continua con degustacións e presentacións de moitas destas novidades, ademais doutras catas que permitirán descubrir a diversidade e a excelencia dos sabores galegos. A feira incluirá un cento de actividades paralelas, entre as que haberá demostracións de cociña en directo, degustacións, catas comentadas...
Etiqueta Negra é a única feira en Galicia dedicada exclusivamente aos produtos de alta gama galegos e serve como punto de encontro entre produtores, distribuidores, restauradores e consumidores. Conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e o apoio de Estrella Galicia e Cabreiroá como auga oficial, a Consellería do Mar, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra, Froiz e Gadis, así como a colaboración do CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporales e Labauh Factory.
A feira abrirá as súas portas o sábado e domingo de once da mañá a nove da noite, e o luns de once da mañá a sete da tarde. O prezo da entrada será de tres euros por día ou cinco euros polo abono das tres xornadas. O recinto contará cunha zona gastronómica e foodtrucks para completar a experiencia do público visitante.