Lores: "Se Colmenares e o PP dan as ordes pertinentes, este espectáculo bochornoso remata inmediatamente"

COMPARECENCIA AGRESIÓNS ENCE
Lores: "Se Colmenares e o PP dan as ordes pertinentes, este espectáculo bochornoso remata inmediatamente"

Pontevedra, 11 de marzo de 2021. "Estamos seguros que se Colmenares e o Partido Popular dan as ordes pertinentes, este espectáculo bochornoso, que non se corresponde con esta cidade, remata inmediatamente" asegurou esta tarde Miguel Anxo Fernández Lores ao respecto das agresións verbais e físicas que sufriu parte do equipo de goberno por parte dun grupo de persoas que actuaban en nome de Ence. O alcalde compareceu tras o acontecido acompañado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e pola portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías.

O alcalde definiu a actitude deste grupo de persoas como "unha ocupación do Concello, concretamente da planta onde está a alcaldía e o equipo de goberno, co cal non viñan a protestar ao Concello senón que viñan directamente a agredir verbalmente, incluso fisicamente, ás persoas que alí estabamos". Fernández Lores asegurou que esta "ocupación fíxose por parte de persoas enviadas pola empresa, polo señor Colmenares, e tamén polo PP, porque un bo anaco o señor Domínguez estivo presente no hall da alcaldía arengando a esas persoas".

A última hora da mañá este grupo de persoas non só insultaron ao equipo de goberno á saída do Concello senón que incluso golpearon o coche do alcalde polo que, ante estes feitos, Fernández Lores asegurou que "teño que dicirlles que están profundamente equivocados, que a súa actitude o que fai é reforzar a nosa posición e que imos seguir loitando por conseguir unha Pontevedra cada vez máis referente e recuperar a ría de Pontevedra, que é o que demandan unha grande maioría de pontevedreses e pontevedresas". Neste sentido, insistiu en que "Pontevedra é unha cidade tranquila, unha cidade dinámica e referente a nivel internacional desde o punto de vista do medio ambiente" pero neste marco sinalou dúas eivas: a presenza de Ence na ría e a implantación da "violencia, chantaxe e absolutamente todo tipo de extorsións e coaccións" e a utilización da violencia contra o Concello de Pontevedra alentada polo Partido Popular e por Colmenares.

Fenández Lores tamén aproveitou para agradecer a actuación da Policía Local nun momento no que asegurou chegar a temer pola súa integridade física.

Ana Pontón traslada a solidariedade do BNG a Lores

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou toda a solidariedade e apoio ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, “ante a campaña de acoso que está soportando unicamente por dicir que ENCE ten que saír da Ría de Pontevedra e quero dicir que as ameazas e as agresións non son tolerables nunha democracia e, polo tanto, a miña firme condena aos actos que se produciron esta mañá no concello pontevedrés”.

Ana Pontón responsabiliza ao PP e ao seu presidente a quen lle pide que poña freo a esa campaña. “Agardo que o señor Feixóo non deixe pasar nin un minuto máis para condenar uns feitos que son graves pero, sobre todo, agardo que non deixe pasar nin un minuto máis en frear unha campaña que xa sobrepasou todas as liñas vermellas dunha democracia”.

Lores: "Se Colmenares e o PP dan as ordes pertinentes, este espectáculo bochornoso remata inmediatamente"