O BNG propón dotar de equipos informáticos ás familias desfavorecidas de Soutomaior
Soutomaior, 11 de marzo de 2021. O grupo municipal do BNG propuxoque o Concello de Soutomaior habilite unha liña de axudas para dotar de ordenadores e conexión a internet a aquelas familias necesitadas para facer fronte ás necesidades derivadas da Pandemia.
A pandemia da Covid-19 está a ter unha importante incidencia na comunidade educativa do concello, que tivo que ver como moitos dos seus alumnos ficaron confinados e mesmo tiveron aulas pechadas. Pero ademais a propia situación de pandemia fai que as dinámicas académicas sexan cada día máis dependentes do ensino virtual, o que provoca grandes dificultades para as familias, sobre todo aquelas que teñen menos recursos.
Neste sentido o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que a economía de Soutomaior depende en boa medida de sectores especialmente afectados pola pandemia como o mar, a hostalaría, ou as persoas autónomas. Estás dificultades económicas das familias fan que moitos nenos e nenas do noso concello estean a pasar necesidades para poder seguir as clases virtuais xa que na casa non teñen os ordenadores suficiente para cubrir todas as necesidades. "Hai casos de familias de dous ou tres fillos en idade escolar nas que hai un só ordenador que ademais comparten cos pais, neses casos é imposíbel que todos os irmáns poidan seguir as clases".
Estes equipos poderían financiarse a cargo da liña 2 do plan concellos da Deputación de Pontevedra
Manu Lourenzo destacou tamén que estamos nun momento no que a pandemia pode condicionar o futuro destas nenas e nenos. Se nunha casa hai un único ordenador para catro persoas, esas familias terán problemas para que os seus fillos poidan adaptarse a unha situación que aínda vai durar tempo. Dende o concello debemos poñer todo da nosa man para axudar a estes nenos e nenas, temos o financiamento coa liña 2 dos cartos que nos dá a Deputación, pero este ano tamén podemos empregar o remanente e por iso propoñemos habilitar unha partida non infereior a 60.000 euros para que ningunha familia estea en inferioridade de condicións e para axudar a que todos os nenos e nenas poidan seguir o ensino virtual. Temos os fondos e esta é unha necesidade urxente, nestas cousas debemos estar todos unidos, e por iso proporemos ao goberno local que habilite esta partida para axudar ás familias máis necesitadas.