O BNG presenta n'A Lama unha moción en defensa da serra do Suído
A Lama, 11 de marzo de 2021. O portavoz municipal Xesús Fortes e o responsábel local de A Lama, Antonio Barreiro, acompañados polo deputado Manuel Lourenzo, presentaron no rexistro do Concello unha moción en defensa da serra do Suído, do territorio, da poboación e do futuro dos habitantes da serra.
Trátase dunha moción en positivo, que o BNG levou a todos os concellos da serra do Suído e ao Parlamento Galego para pór en valor un “territorio bendecido pola natureza e pola historia, un territorio de enormes recursos e valores ambientais, sociais, hídricos e paisaxísticos”, en palabras do portavoz municipal do BNG, Xesús Fortes.
Ante esta realidade só caben dúas alternativas, dixo o portavoz nacionalista:
- A defendida polo PP, que é unha aposta agresiva e depredadora dos recursos para poñelos en mans de empresas que buscan espoliar as nosas riquezas, e cun forte impacto no territorio.
- A defendida polo BNG, que procura un desenvolvemento autocentrado e sustentábel do territorio.
A proposta do BNG resumiuna Xesús Fortes en oito puntos:
- A paralización cautelar destes proxectos de industralización do monte, pola súa gravísima repercusión e impacto en ecosistemas declarados de interese prioritario.
- A apertura dun proceso de información e participación social sobre estes proxectos e das alternativas que hai que defender pra os concellos da serra.
- A declaración da serra do Suído como Lugar de Interese Comunitario e a súa integración na Rede Natura.
- A ampliación da Rede Natura do río Tea, incluíndo o Alto Tea.
- A declaración de reservas naturais fluviais os caudes dos ríos que nacen no Suído, xa que a serra é un importante colector hídrico, que abastece un amplísimo territorio.
- A realización dun inventario e catalogación do rico patrimonio cultural da serra.
- A declaración como ben de interese cultural na modalidade da paisaxe cultural o patrimonio etnográfico da serra, un patrimonio único, construído coa técnica da pedra seca, da cochotería en seco, que foi declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.
- A elaboración dun Plan de Desenvolvemento e dinamización do territorio do Suído e do alto Tea, con participación social e a implicación da Xunta, Deputación de Pontevedra, Deputación de Ourense e Concellos da serra que prevea investimentos plurianuais