O BNG pide que o Parlamento Galego reprobe a Rafael Louzán como Presidente da Federación Galega de Fútbol
Pontevedra, 11 de marzo de 2021. O BNG, a través do deputado Luís Bará vén de presentar hoxe no Parlamento galego unha proposición Non de Lei para reprobar a actuación do presidente da Federación Galega de Fútbol Rafael Louzán, condenado a 2 anos de prisión e 8 de inhabilitación para o exercicio de cargo público polos delitos de prevaricación e fraude cometidos pola adxudicación fraudulenta das obras de construción do campo de fútbol de Moraña. Esta reprobación, di Bará, “susténtase, mais alá da gravidade dos feitos e da severidade da condena xudicial, pola exemplaridade e o código ético que deben rexer a actuación dos representantes públicos”.
Na mesma iniciativa ínstase á Xunta a incoar expediente disciplinario ao presidente da Federación Galega de Fútbol e adoptar as medidas preventivas acordes coa gravidade dos feitos que deron lugar á sentenza xudicial.
Compre lembrar que Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol e ex-alto cargo do PP, foi condenado polo xulgado do penal número 3 de Pontevedra a dous anos de prisión e oito de inhabilitación para o exercicio de cargo público polos delitos de prevaricación e fraude, cometidos pola adxudicación irregular das obras de construción do campo de fútbol de Moraña. Polos mesmos feitos tamén foi condenada a ex-xefa territorial da Xunta en Pontevedra Luísa Piñeiro, naqueles momentos alcaldesa de Moraña.
Connivencia da Xunta
Mentres que Luísa Piñeiro dimitiu do seu cargo debido á gravidade dos feitos e da condena, Rafael Louzán, coa complicidade e connivencia da Presidencia da Xunta, segue exercendo como presidente da Federación Galega de Fútbol o que implica xestionar centos de miles de euros de fondos públicos e tomar decisións en relación con feitos como os que acarrearon a súa condena.
“Máis alá da valoración legal e do feito de que a sentenza non sexa firme, estamos a falar de feitos de extrema gravidade e que son censurábeis desde o punto de vista da moralidade, da ética e da exemplaridade con que deben actuar as persoas que teñen responsabilidades públicas. Máis aínda se cabe nun ámbito como o deportivo no que as persoas dirixentes deben ser exemplo para a sociedade e para as xeracións máis novas”, afirmou Bará.
Desde que se fixo pública a sentenza o pasado 5 de febreiro pasou máis de un mes sen que a Presidencia da Xunta, da que dependen as competencias en materia deportiva, actuase neste caso para velar pola integridade e exemplaridade que debe presidir o funcionamento dunha institución tan relevante como a Federación Galega de Fútbol. A lei do deporte proporciona instrumentos nos seu artigo 57 para intervir nun caso coma este e, ademais, o Comité Galego de Disciplina Deportiva, regulado nos artigos 91, 92, 93 e 94 da citada lei, ten entre as súas funcións intervir incoando un expediente disciplinario e adoptando medidas preventivas.
Ademais, a Presidencia da Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, debe velar polo cumprimento dos estatutos da Federación Galega de Fútbol, que establecen no artigo 31 que os dirixentes da entidade deben reunir como requisito “non estar inhabilitados para desempeñar cargos públicos”.
O BNG considera que a Xunta debe actuar e deixar de protexer a unha persoa que foi condeada por feitos tan graves.