Un libro de relatos para coñecer mellor a Lores
O BNG vén de presentar ‘Unhas pinceladas sobre Lores’, un libro para conmemorar os 25 anos de Miguel Anxo Fernández Lores na Alcaldía de Pontevedra, escrito polo concelleiro César Mosquera e a xornalista María Núñez, que recolle características da personalidade do nacionalista para coñecelo na súa función de alcalde.
O acto foi conducido pola escritora Ana Cabaleiro nun diálogo coas dúas persoas autoras, que explicaron que a publicación ten 96 páxinas e 26 relatos novelados. Aseguraron que, lonxe de ser unha biografía, o libro é un conxunto de ‘pílulas’ ou ‘polaroids’ que reflexan as motivacións e maneiras de pensar e actuar de Fernández Lores a trazos grosos.
Os relatos fan unha radiografía interna sobre o rexedor, explicando de maneira impresionista as súas orixes, o seu optimismo temporal, a súa paixón polos deportes, o seu compromiso co público, o entusiasmo por Pontevedra, a súa relación coa relixión, a súa maneira de comunicar, ou situacións como cando foi detido pola Garda Civil de mozo, cando exercía de médico ou cando lle propuxeron facerse cargo da portavocía nacional do BNG, entre outras.
Tanto Mosquera como Núñez indicaron que non se trata dun libro homenaxe, nin un epílogo a unha traxectoria -aínda que recolle o orgullo e a satisfacción do traballo feito pola cidade nos últimos cinco lustros- senón unha peza que abre unha grande porta ao futuro “fuxindo do triunfalismo”.
Sobre todo, apuntou a autora, o libro sobre Lores “destila traballo, esforzo e confianza nas capacidades do equipo e nas potencialidades de Pontevedra, sentando pouso para o que está por vir, deixando claro que hai afán de superación e de reinventarse”.
Pola súa banda, Mosquera salientou a capacidade de Lores para traballar e liderar “sendo un home que revolucionou a vida das persoas desta cidade”. Subliñou, en calquera caso, que é unha persoa “radicalmente antipolítica” no sentido de que non cumpre o perfil típico de alguén á fronte dunha Alcaldía “pola súa forma de pensar, de gobernar e de facer os equipos”, algo que o fai moi especial.
Fernández Lores, pola súa banda, explicou que unicamente leu o libro despois de estar rematado posto que depositou nos escritores a súa total confianza para retratalo, estando de acordo cos trazos que finalmente quedaron reflexados nos relatos. Ante a pregunta sobre os anos que están por vir na Alcaldía, e ante o aplauso atronador de todo o público que enchía o salón vermello do Pazo de Mugartegui, Lores confirmou que “se mo piden con educación, seguirei moito tempo máis”.