Iniciada a obra de mellora ambiental do Gafos ao seu paso pola rúa da Ponte Nova
Pontevedra, 4 de setembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o inicio das obras da actuación de mellora ambiental na rúa Ponte Nova, ao carón do río dos Gafos. O proxecto, que cun orzamento de 48.000 €, centrarase na recuperación dun espazo que até agora estaba ocupado por unha edificación sen valor arquitectónico adquirida polo Concello hai anos.
“Aínda que é unha obra moi pequena, é unha mellora ambiental substancial para esta zona”, destacou o alcalde. A intervención consistirá na demolición do nomeado inmoble para crear un novo espazo público de estancia.
Un dos aspectos clave do proxecto é a súa sustentabilidade e aproveitamento dos recursos locais, xa que todos os materiais resultantes da demolición se reutilizarán na propia obra, aplicando o concepto de “quilómetro 0”. En concreto, a pedra do edificio derrubado empregarase para dar continuidade ao muro existente e levantar un novo muro de contención, o que permitirá crear un socalco con bancos para sentar e contemplar o río. Ademais, os cascallos da demolición utilizaranse para construír unha nova senda peonil que conectará o paseo fluvial coa rúa Ramón Peña, mellorando a continuidade dos itinerarios peonís.
O alcalde enmarcou esta actuación no compromiso continuo do Goberno Local coa recuperación dos espazos fluviais e naturais, lembrando que o seguinte gran proxecto será a renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo, definido como “a obra máis importante desde o punto de vista medioambiental do concello nos últimos anos”.