RECINTO FEIRAL, 13 E 14 DE SETEMBRO
Conta atrás para a Lérez Up, o gran evento friki de Pontevedra
Pontevedra, 4 de setembro de 2025. O salón do videoxogo e da la cultura friki, organizado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, celebrará a súa cuarta edición os días 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral.
Tras superar en 2024 a cifra de 5.000 asistentes, a Lérez Up volve este ano cun programa reforzado que combina o mellor das edicións anteriores con novas actividades, zonas temáticas e colaboracións locais.
A edición de 2025 incorpora novas propostas que amplían a experiencia do público. Entre elas, destaca o reforzo da Zona K-Pop que inclúe unha chea de actividades nas que participar ao longo do día e o seu ansiado concurso de baile, este ano patrocinado por WordPress.com; ou a Zona Card Games, con torneos de Pokémon TCG, Magic The Gathering e Riftbound, o novo xogo de cartas de League of Legends.
Ademais, volven actividades tan queridas como o torneo de Smash Bros Ultimate, que superou este ano as cifras de participación das edicións pasadas; o concurso de cosplay, que ateigará o salón de actos unha vez máis de vestiarios chamativos; ou a Zona Indie, onde os desenvolvedores independentes presentarán os seus xogos ao público.
O apartado de charlas e formación crece con propostas moi variadas: a mesa redonda do colectivo FemDevs, que mostrará de forma didáctica como calquera pode lanzarse a crear videoxogos; e a mesa de El Bertedero, unha agrupación de artistas galegos que falarán de como crear en comunidad a través do fanzine e o webcómic.
A nivel artístico, haberá tamén unha programación ampliada de talleres, impartidos por diferentes creadores e creadoras, que incluirán dende debuxo de animais e urban sketching ata caligrafía xaponesa ou pintura de Pokémon 3D.
A Lérez Up 2025 conta co apoio de negocios locais, reforzando así a conexión do evento co tecido económico de Pontevedra. A nivel internacional, destaca a colaboración con WordPress.com, que este ano ofrecerá un taller práctico para artistas e creadores sobre como crear a súa propia páxina web e unha charla sobre como crear a túa identidade dixital a través da túa páxina web persoal.
O evento contará tamén coa participación de asociacións e colectivos galegos que ofrecerán actividades moi variadas ao público. Desde a iniciación ao kendo con espadas de bambú do Club de Kendo Fuji Dojo ata a proposta de Alén das Avelaíñas, que mostrará a moda lolita como expresión cultural. A estas súmanse colectivos que repiten participación como Jugger Vigo, que dará a coñecer este deporte alternativo a través de partidas de iniciación, ou os coruñeses de Escuadrón SAS, que volverán a encher a Lérez Up de duelos de sabre láser e actividades ambientadas no universo Star Wars, pasando pola pontevedresa Pontelabs, que traerá a súa esencia máis maker e tecnolóxica ao evento.
A Lérez Up converteuse nun punto de encontro interxeracional, reunindo a familias, xoves e adultos en torno aos videoxogos, o cosplay, a cultura xaponesa e o ocio alternativo. Este ano, tanto a convocatoria de artistas como o concurso de K-Pop pecharon inscricións con récord de participación, confirmando o crecente interés polo evento.
As entradas están xa dispoñibles na web do evento cun precio reducido ata o venres 12 de setembro a las 12:00h: 6 € por un día e 9 € para os dous días. A partir desa data, poderán adquirirse tamén na billeteira durante o evento cun incremento de 1 €.