O Concello dá un novo paso á hora de dotar a todos os núcleos rurais de saneamento e aproba novos proxectos en Verducido e Santo André de Xeve

O Concello dá un novo paso á hora de dotar a todos os núcleos rurais de saneamento e aproba novos proxectos en Verducido e Santo André de Xeve
Pontevedra, 4 de setembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta da aprobación de novos proxectos que permitirán avances importantes á hora de completar a rede de saneamento do rural, cuxa cobertura nos núcleos se sitúa ao redor 95 %. 

En palabras as palabras de Fernández Lores: “estamos a dar os pasos definitivos para completar o saneamento en todos os núcleos rurais de Pontevedra”. A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de saneamento de Verducido (Fase 2), cun orzamento de 1.527.000 euros, o que permitirá conectar 67 vivendas dos núcleo Bordel e parte do Gabeán. Esta actuación dá continuidade á primeira fase, que xa conectou unhas 100 vivendas. 

Queda pendente unha terceira fase (2B) para dar servizo ás 109 vivendas restantes. Esta fase atópase actualmente bloqueada pola negativa dun particular a autorizar o paso da canalización por unha finca da súa propiedade. Fernández Lores explicou que “estamos a explorar todas as vías legais para solucionalo, sen recorrer á expropiación, a través dunha figura legal como é a da servidume de acueduto”. O obxectivo sería o de reparar unha tubaxe xa existente nesa zona. 

Por outra banda, o alcalde destacou o proxecto singular previsto para o núcleo de Fragoso, en Santo Andrés de Xeve. Trátase da construción dunha depuradora ecolóxica, que emprega plantas e outros sistemas naturais para a depuración natural das augas residuais. O proxecto é posible grazas a un acordo coa Comunidade de Montes, que cedeu os terreos necesarios. Actualmente, estase a traballar na ampliación do camiño de acceso para poder executar a obra. 

Finalmente, Lores sinalou que só quedan pendentes de poñer en funcionamento dous bombeos en Santo Andrés de Xeve (para 18 vivendas) e en Cerponzóns (para outras 18 vivendas), que están á espera da conexión eléctrica por parte da compañía subministradora. “Unha vez resoltos estes puntos teremos completado un investimento de millóns de euros que garante un servizo esencial e de calidade para os veciños e veciñas do rural, situando a cobertura global do municipio no 99,5 %”. 

O Concello dá un novo paso á hora de dotar a todos os núcleos rurais de saneamento e aproba novos proxectos en Verducido e Santo André de Xeve