Ponteverán pecha as súas portas cun rotundo éxito
Pontevedra, 4 de setembro de 2025. O Concello de Pontevedra vén de realizar, na comisión de Benestar social, Cultura e Dinamización sociocultural, un balance do que foi o programa de Ponteverán 2025. Durante a xuntanza, a comisión acordou por unanimidade ofrecer os seus parabéns a todas as persoas que formaron parte deste ciclo de actividades, ben coma participantes, ben coma o servizo de Xuventude que o fai posíbel, ben como todas as entidades que colaboran e traballan para que sexa unha realidade ano tras ano.
Cómpre lembrar que Ponteverán e un programa municipal de tempo libre e lecer para o verán, configurado a través dunha oferta cultural e de ocio educativo para a mocidade e adolescencia — entre os 8 e 35 anos—. Rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de realizar actividades de todo tipo, co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento persoal con valores positivos de inclusión, respecto, creatividade, hixiene, esforzo e igualdade.
Como vén sendo o habitual, todas as actividades foron de balde e as cifras desta edición só poden ser vistas desde o prisma do éxito sen paliativos. Así, foron ofertadas un total de 606 prazas (96 en campamentos urbanos, 37 en obradoiros e 437 en actividades de natureza e deporte ao aire libre).
Foron recibidas un total de 1.006 solicitudes, formalizándose un total de 576, cubríndose o 95 % da oferta, facendo que 16 das 20 actividades tivesen completa a súa inscrición. Ademais, a asistencia situouse preto do 90 %, amosándose un respecto case total pola inscrición realizada.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, define como “éxito absoluto” este Ponteverán, destacando a calidade de todas as persoas participantes así como o seu compromiso para coas mesmas. Tamén quixo felicitar a todo o equipo do que é responsábel baixo a área de Xuventude, así como ás empresas e entidades colaboradoras.