O Goberno de Soutomaior sumará preto de 20 prazas de aparcadoiro gratuítas ao núcleo urbano de Arcade

O alcalde visitando o lugar onde se vai crear o novo aparcadoiro gratuíto
O alcalde visitando o lugar onde se vai crear o novo aparcadoiro gratuíto
O Goberno de Soutomaior sumará preto de 20 prazas de aparcadoiro gratuítas ao núcleo urbano de Arcade

Soutomaior, 8 de novembro de 2024. O Goberno de Soutomaior iniciou este venres a construción dun novo aparcadoiro en pleno núcleo comercial de Arcade. A parcela, que se atopa na estrada que baixa desde o Colexio da Oliveira en paralelo á Avenida Xosé Solla, terá capacidade para entre 15 e 20 vehículos, e está previsto que estea habilitado e dispoñible para o seu uso nas vindeiras semanas.

Con esta son xa tres as bolsas de aparcamento gratuíto habilitadas polo Goberno de Soutomaior en Arcade desde o comezo de mandato. Xunto coa habilitación dun aparcadoiro na rúa Forneira e a ampliación do aparcadoiro principal da Avenida Xosé Solla, en total o Goberno local puxo a disposición da veciñanza e das persoas consumidoras do comercio local máis de 100 prazas de aparcadoiro gratuítas. Un importante incremento que permitirá desconxestionar o núcleo de Arcade nas horas puntas e impulsar o consumo no concello.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que coa habilitación deste novo aparcadoiro quedarán solucionados os problemas de estacionamento que Arcade leva anos a sufrir. “A ampliación do aparcadoiro da Avenida Xosé Solla foi xa un paso de xigante por parte do Goberno de Soutomaior para dar solución a esta problemática, e agora con esta nova bolsa de estacionamento consideramos que o núcleo comercial de Arcade queda correctamente servido en termos de aparcadoiro gratuíto”.

Neste sentido, o alcalde mostrou unha vez máis o seu agradecemento aos veciños e veciñas que, nos tres aparcadoiros mencionados, cederon as súas parcelas para permitir levar a cabo esta importante ampliación de prazas.

“Hoxe Soutomaior conta cun modelo de tráfico e de estacionamento moito máis calmado, accesible e afastado do feísmo urbanístico do que había ao comezo do mandato”, subliñou Lourenzo, quen tamén indicou que “aínda queda moito traballo por facer, e Soutomaior vai necesitar da colaboración de todas as administracións implicadas para que o modelo urbano de Arcade se adecúe ás necesidades reais da veciñanza, do comercio local e de todas as persoas que cada vez máis deciden achegarse ao noso concello por todo o que ofrecemos”.

 

O Goberno de Soutomaior sumará preto de 20 prazas de aparcadoiro gratuítas ao núcleo urbano de Arcade