O novo contrato dos residuos de Pontevedra mellorará e ampliará o 'porta a porta' de papel/cartón e vidro no ámbito comercial

Raimundo González Carballo
Raimundo González Carballo
O novo contrato dos residuos de Pontevedra mellorará e ampliará o 'porta a porta' de papel/cartón e vidro no ámbito comercial

Pontevedra 11 de novembro de 2024. O salto cualitativo que o Goberno local de Pontevedra busca na xestión dos residuos da cidade coa posta en marcha do novo contrato tamén chegará ao pequeno comercio local. Unha das obrigas que terá a nova empresa adxudicataria será a continuidade e mellora do servizo "porta a porta comercial", é dicir, a recollida do papel e do cartón e de vidro do pequeno comercio local.

O denominado "porta a porta comercial" é unha experiencia que xa ten en marcha o Concello e que funciona ben, pero o Goberno local quere ser máis ambicioso e aposta por estendela a toda a área comercial da cidade.

Ao respecto da recollida da fracción de papel e cartón, o prego inclúe que "o servizo será prestado, polo menos, nas zonas comerciais de todo o concello ». Na actualidade este servizo atende á zona centro seguindo unhas rutas preestablecidas. Ademais, indica que a recollida será, cando menos, de cinco días á semana.

Tamén se manterá a recollida de vidro "porta a porta", especialmente nos ámbitos de restauración pero tamén nas oficinas, no sector terciario, no comercio e servizos, locais de lecer... Especificamente aborda a situación do centro histórico. Indica a este respecto que a recollida de vidro "porta a porta" incluirá, como mínimo, o ámbito da zona monumental e demais locais adheridos na actualidade e a frecuencia de retirada será, cando menos, de tres días á semana.

Loxicamente, este servizo exclusivo para o pequeno comercio é unha singularidade do servizo xeral que se prestará aos fogares e domicilios. A proposta xeral para as vivendas é o sistema de colectores de reciclaxe azuis e os iglús verdes (neste momento), tanto para o ámbito urbano como para o rural.

Aínda que esta é a proposta do prego, a concesionaria poderá adaptar o seu proxecto de explotación en función destas variables, sempre que cumpra as condicións establecidas polo Concello e a normativa vixente, previa aprobación polo Concello de Pontevedra.

O novo contrato dos residuos de Pontevedra mellorará e ampliará o 'porta a porta' de papel/cartón e vidro no ámbito comercial