O BNG vota en contra dos presupostos da Deputación por paralizar o Revitaliza e non ofrecer axudas aos concellos para cumprir os obxectivos en materia de residuos
Pontevedra, 8 de novembro de 2024. O BNG votou hoxe en contra dos orzamentos presentados polo goberno da Deputación para 2025 por considerar que, entre outras cousas, non dan resposta ás necesidades dos concellos para cumprir os obxectivos de residuos, eliminan políticas de mobilidade destinadas a recuperar espazo público para as persoas, destinan a maior parte do incremento de fondos a gasto corrente en lugar de a investimentos, e non recollen partida para a celebración dos Premios Feroz en Pontevedra. Ademais, o portavoz do grupo nacionalista César Mosquera criticou que o PP non permitira que os grupos da oposición fixeran achegas “positivas para a provincia”.
Ante a gran defensa dos presupostos realizada polo PP no Pleno, Mosquera quixo baixar o nivel de “loas e autocomplacencia” dos ‘populares’. En primeiro lugar lembrou que os orzamentos da Deputación sempre se aprobaron en tempo e forma para que os concellos da provincia teñan os cartos a disposición. “Non é un gran mérito”, dixo, “é continuar o que xa se viña facendo”.
En segundo lugar, afeou ao goberno provincial que non tivese dialogado “nada” coa oposición. Indicou que “hai cousas que se poderían ter mellorado e resolto problemas” sen afectar a grandes cantidades económicas. “Entenden que o noso grupo non ten nada que aportar? Non nos deron opción de comentar nada con respecto a ningún plan”, subliñou o nacionalista, lembrando que nos anteriores mandatos o goberno coaligado si escoitara propostas do PP.
Mosquera lamenta que os cartos que sube o orzamento se destinen a gasto corrente, que baixen os fondos para o Museo, que non haxa partida para os Feroz e que se eliminen as políticas de espazo público para as persoas
En canto ao fondo, Mosquera dixo que os orzamentos para 2025 da Deputación teñen eivas fundamentais. Destacou que os concellos da provincia deben teñen obrigas que cumprir o ano próximo en base á nova normativa de residuos e hai só un municipio, Mondariz Balneario, que poida facelo. O nacionalista puxo de relevo que o actual goberno provincial paralizou o Revitaliza e non puxo ferramentas na man dos concellos para aumentar a reciclaxe.
Criticou que os fondos se van destinar a residuos son para contratar asistencias técnicas para redactar as ordenanzas fiscais “pola famosa taxa”, pero que non van “servir para nada” en relación ao obxectivo principal. “Retomen o impulso ao Revitaliza (...), cámbienlle de nome se queren, pero retómeno”, pediu.
Mosquera tamén fixo a petición de recuperar as políticas de mobilidade baseadas nas persoas. Subliñou que desapareceu a liña de actuacións de mobilidade “non se sabe a santo de que”, xa que os alcaldes de todo signo político estaban a dar o seu aval e sumábanse á iniciativa. “Era algo que funcionaba e non polémico, e vostedes tradúceno do revés”, dixo, criticando que as actuais axudas provinciais para tratamento de espazo público, en lugar de recuperar espazo para as persoas “poden ser para recuperar carrís de tráfico”.
Como terceiro eixo, Mosquera subliñou que dende o 2023 a 2025 o orzamento subiu 28 millóns de euros grazas ás transferencias recibidas do Estado, pero indicou que todos eses fondos foron destinados a gasto corrente en lugar de a investimentos. “Todo vai para subvencións e axudas e iso é pan para hoxe e fame para mañá”, dixo, lembrando que o PP sempre en política estatal criticara ese modo de proceder. “Din unha cousa e fan outra”, sentenzou.
Por último, Mosquera tamén sinalou que baixa “e baixa bastante” a cantidade de cartos destinada ao Museo de Pontevedra. Se cadra, dixo ironicamente, “é porque entenden que non van iniciar as obras –dos edificios centrais- a tempo” e non precisan ter fondos dispoñibles.
Outra das críticas aos presupostos foi a inexistencia dunha partida destinada a apoiar a celebración dos Premios Feroz en Pontevedra e, a maiores, a baixada de capítulos como Igualdade, Memoria ou Lingua, que a xuízo do nacionalista son unha demostración das prioridades políticas do PP.