8 E 9 DE NOVEMBRO NO MULTIUSOS DE ARCADE
Soutomaior acollerá por primeira vez na súa historia un foro sobre Memoria Histórica
Soutomaior, 7 de novembro de 2024. O Concello de Soutomaior acollerá por primeira vez na súa historia un foro sobre Memoria Histórica. Baixo o nome ‘Recuperar para construír’, o foro desenvolverase este venres e este sábado no Multiusos de Arcade, cunha extensa programación que abrangue desde varios coloquios e exposicións ata a proxección dun documental e a representación dunha peza teatral.
O I Foro sobre Memoria Histórica de Soutomaior comezará o venres ás 17:00 horas coa apertura das exposicións ‘Acorda’ e ‘Reixa’, que se poderán visitar tanto o venres como o sábado entre as 17:00 e as 21:00 horas no salón de actos do Multiusos. O venres ás 20:00 horas levarase a cabo a proxección do documental ‘Acorda’ e posteriormente, ás 21:00 horas, terá lugar o coloquio ‘O papel das institucións públicas no proceso de recuperación’, no que intervirán o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo; o deputado no Parlamento galego Luís Bará; a ex deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega; e a deputada no Congreso español, Marica Adrio.
Xa o sábado, ademais de poder visitar ambas exposicións xa mencionadas, a compañía Os Quinquilláns representará a obra teatral ‘A señora de Forcadela’, centrada na vida de Josefa García Segret, mestra represaliada durante a época do franquismo. A continuación decorra o coloquio ‘Espertar a memoria’, no que participarán Montse Fajardo, xornalista e escritora especializada en memoria histórica; Natalia Jorge Pereira, historiadora e autora do libro ‘Abaixo as dictaduras’; Tero Rodríguez, directora de escena e actriz; e Xosé Álvarez Castro, historiador que analiza e escribe sobre a represión na guerra e postguerra.