Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, prepara os fogóns para celebrar a súa oitava edición do 9 ao 11 de novembro
Pontevedra, 7 de novembro de 2024. Un centenar de expositores (que presentarán 20 produtos novos), máis de 90 actividades e todos os protagonistas do sector (profesionais, produtores e consumidores) reunidos nun mesmo espazo. A feira Etiqueta Negra retorna ao Recinto Feiral os días 9, 10 e 11 de novembro, para converter Pontevedra, durante tres días, no epicentro do gourmet galego.
Viños, licores, cervexas, cafés, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas... e unha infinidade de delicias escollidas pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a súa maior calidade. Moitos deles será posible degustalos na Zona de Catas, espazo destacado que ofrecerá unha intensa programación continuada.
Horario ininterrompido
Impulsada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá (como auga oficial), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, as deputacións de Pontevedra e A Coruña, a Mancomunidade do Salnés, Froiz e Gadis. Así mesmo, colaboran nesta sétima edición o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporales e Labauh Factory.
A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, de 11.00 a 20.00 h. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.
Máis información en: https://etiquetanegragourmet.com/