A Casa Consistorial abrirase ao público cun acto institucional no que participarán todas as Corporacións dende 1979
Pontevedra, 7 de novembro de 2024. O Concello de Pontevedra inaugurará o vindeiro venres, 15 de novembro a partir das 18.00 horas a Casa Consistorial cun acto institucional ao que están convidados todos os membros integrantes das corporacións municipais dende 1979, é dicir, 12 corporacións. Así o indicou a tenente de alcalde Eva Vilaverde, responsable da organización do acto institucional por mandato do alcalde.
"Ímolo facer homenaxeando a todas as persoas que formaron parte das corporacións durante o réxime constitucional, é decir, dende as eleccións de 1979", explicou a concelleira que indicou que "quen vai a presidir este acto serán os tres alcaldes que en este momento están vivos: Miguel Anxo Fernández Lores -actual alcalde- Juan Luís Pedrosa e José Rivas Fontán". Os dous últimos recibiron persoalmente a chamada do alcalde Lores e confirmaron a súa presenza e presidencia do acto.
"O resto de concelleiros e concelleiras estaremos alí encantados de volver ao salón de actos", afirmou Eva Vilaverde quen indicou que esta inauguración tamén pretende "poñer en valor a recuperación dun edificio clave para esta cidade, na evolución de Pontevedra, e a mellor maneira de facelo é convidando a todos e todas as persoas que representaron e representan os veciños e veciñas de Pontevedra durante todo este tempo".
Están convidados 166 representantes institucionais vivos que recibiron un convite persoal e intransferible dende a Alcaldía esta mesma semana.
Pendente de rematar o protocolo, está previsto que os tres alcaldes dirixan unhas palabras aos concelleiros e concelleiras, visiten o edificio e degusten un ágape que se porá na planta baixa do edificio, que en vindeiras semanas ocuparán os servizos técnicos municipais.
Visitas guiadas
Con motivo da celebración da inauguración da Casa Consistorial, a Alcaldía tamén está a organizar visitas guiadas. Serán de balde, abertas a toda a cidadanía e durante unha semana, do martes 19 de novembro ao luns 25 de novembro, para coñecer a reforma e a historia do edificio. Faranse cada tarde en quendas de 17, 18 e 19 horas con grupos de 15 a 20 persoas cada un. As persoas interesadas en apuntarse a estas visitas poderán facelo a través da páxina web municipal pontevedra.gal a partir das 12.00 horas do luns, 11 de novembro.
Ademais, o luns 18 de novembro celebrarase o primeiro pleno ordinario do Concello de Pontevedra na Casa Consistorial, abandonando definitivamente o Teatro Principal a onde se trasladaran hai uns 25 anos.