O Goberno de Soutomaior impulsa un plan de asfaltados en estradas municipais de Moreira, Lourido e Salgueirón
Soutomaior, 12 de novembro de 2024. O Goberno de Soutomaior está a impulsar neste final de ano un importante plan de asfaltados en estradas municipais de varios barrios do Concello. En concreto, actuarase no barrio de Moreira (onde xa se asfaltou un primeiro tramo da estrada que conecta o barrio co Viso, en Redondela), no barrio da Feira, no barrio de Lourido, e na explanada de acceso ao campo de fútbol de Salgueirón.
Precisamente, este martes o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse ata o barrio da Feira para supervisar o avance nos traballos de asfaltado na zona. O Goberno de Soutomaior tamén está aproveitando esta actuación para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se están a asfaltar, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.
O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que este plan de asfaltados ten por obxectivo “dotar dunhas estradas municipais en boas condicións os barrios do noso concello. Trátase dunha actuación integral nos barrios de Soutomaior que se desenvolverá en varias fases, co obxectivo de ir chegando pouco a pouco a todos os puntos do concello”. Para levar a cabo estas obras, Soutomaior está a investir tanto fondos propios como unha subvención da Xunta conseguida polo equipo de Goberno.
Sobre o mantemento das tubaxes do sistema de pluviais nestas estradas, o alcalde sinalou que “os traballos de asfaltado dannos a oportunidade perfecta para meter man no sistema de pluviais e comezar a corrixir todas as súas eivas, producidas tras moitos anos dunha deficiente planificación e mantemento”
Ademais de arranxar pouco a pouco as estradas municipais dos barrios, o Goberno de Soutomaior tamén mantén comunicación con outras institucións que teñen estradas en titularidade para que leven a cabo o seu mantemento. “O rural ten dereito a contar cunhas infraestruturas que lles permitan vivir o seu día a día nas mellores condicións. Para a veciñanza de Soutomaior, contar cunhas estradas que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, facer recados ou desfrutar do seu tempo libre”, concluíu Manu Lourenzo.