Mosquera: "Coa nova taxa de residuos a metade os usuarios reducirán o seu recibo e a outra metade subiralles"
Pontevedra, 12 de novembro de 2024. A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos aprobou cos votos a favor dos grupos municipais do BNG e do PSOE, e o voto en contra do PP, os criterios para a adaptación da ordenanza económica de residuos municipais á lexislación emanada da directiva marco de residuos e á necesidade de avanzar no camiño do pago por xeración.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou que a directriz da nova ordenanza será "quen teña máis capacidade económica pague máis, e quen teñan menos, pague menos". Pendente de baixar aos números concretos, o concelleiro estimou que "á metade dos suxeitos pasivos se lle reducirá o seu recibo e á outra metade subiralles".
Tamén quixo aclarar a información imprecisa "que anda circulando por aí de que a lei obriga a que a taxa non sexa deficitaria". A este respecto indicou que aos custes da taxa hai que retirar o custe da limpeza viaria, do denominado "orixe disperso", os residuos que xeran os edificios e as actividades municipais e as bonificacións.
Partindo desta base, a Comisión traballa "con criterios obxectivos". Polo tanto, o concelleiro aclarou que no caso das vivendas os criterios serán a superficie catastral máis o consumo de auga, xa que de non coller este último factor quedarían fóra do pago da taxa as vivendas alugadas ao non constar residentes.
En canto á actividade económica, manteríase o criterio da superficie catastral e engadiríase o número de traballadores (a parte correspondente aos residuos domésticos) e o aforo (a parte correspondente aos residuos comerciais).
Ao respecto dos grandes xeradores (os producen máis de 10 toneladas ao ano), teñen a posibilidade de facer a súa propia xestión de residuos como o caso de Zara, Carrefour ou Montecelo, por exemplo, ou ben adherirse ao sistema municipal.
As bonificacións serían as seguintes:
- Compostaxe individual
- Compostaxe comunitaria
- Familia numerosa
- Achegas ao punto limpo
- Recollidas ou achegas especiais adicadas á reutilización
- Doación de alimentos
- Protocolo de tratamento dos residuos e actividades formativas
- Persoas en risco de exclusión social.
A maiores, a nova ordenanza xeraría dúas novas categorías non existentes na actualidade na normativa municipal de Pontevedra (nin en moitas ordenanzas galegas):
- Actividades sen local (concertos, por exemplo)
- Servizos específicos (solicitude dun particular de traslado de grandes cantidades de residuo). Ademais, a Comisión tamén aprobou hoxe a elaboración dun estudo económico da nova ordenanza.