O BNG denuncia o desmantelamento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán

O BNG denuncia o desmantelamento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán

Pontevedra, 12 de novembro de 2024. O BNG rexistrou unha batería de iniciativas parlamentares en relación coa situación de desmantelamento do histórico Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán, que a estas alturas está nunha situación de absoluta precariedade, con numerosas prazas sen cubrir e con contratación de persoal por procedementos irregulares, xa que se están facendo por medio de convenios con fundacións privadas. Na práctica podemos estar diante dunha cesión ilegal de traballadoras/es xa que este persoal contratado por fundacións alleas á Xunta desempeña o seu labor en instalacións da administración autonómica. Debido a estas situacións irregulares, segue pendente a integración do CIF de Lourizán, -que ainda segue dependendo da Axencia Galega para a Calidade Alimentaria (AGACAL) da consellaría do Medio Rural- na Axencia da Industria Forestal (XERA) dependente da Consellaría de Industria. 

Segundo Luis Bará, “como consecuencia da actual precariedade, nos últimos tempos persoal investigador de moita experiencia e valía deixou o CIF de Lourizán para integrarse noutros centros de investigación”.

Por esta razón o BNG solicita, por medio do deputado pontevedrés Luís Bará, que se revirta este proceso de desmantelamento do CIF Lourizán, se incremente o seu cadro de persoal, se cubran as prazas vacantes e que a contratación se faga de maneira estable e con todas as garantías legais.

A maiores, o BNG formula como alternativa un proxecto ambicioso e de futuro coa creación en Pontevedra dun gran Polo Público de Investigación, Innovación e Desenvolvemento arredor do sector agrario e forestal, coa participación do CIF de Lourizán, a Escola Universitaria de Forestais, a Misión Biolóxica e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Este polo debe atender todas as materias de interese para a sociedade e a economía galega, e non só os intereses da gran industria forestal.

Denuncia dun plan para privatizar o histórico Pazo de Lourizán e entregarllo a ENCE e ás grandes empresas da industria forestal

Este proceso de desmantelamento e deterioro do CIF de Lourizán estaría segundo Luís Bará relacionado con unha axenda oculta do goberno galego para privatizar o histórico Pazo de Lourizán, dándolle prioridade aos usos hosteleiros (hotel e nova edificación para eventos) e poñelo en mans de ENCE e das demais empresas da industria forestal. 

Segundo Bará, “a entrega do Pazo a ENCE xa se intentou anos atrás sen éxito, e agora Rueda volve á carga unha vez que a finca foi transferida pola Deputación á Xunta e ten as mans libres para decidir o seu futuro”. Desde o BNG denuncian a falta de transparencia deste proceso, e a ocultación de información ao parlamento xa que en todo este tempo a Xunta non informou á cámara galega dos seus plans para Lourizán.

Sen noticias do Ben de Interese Cultural

O BNG tamén chama a atención na súa iniciativa no anuncio da declaración do conxunto do Pazo e Finca de Lourizán como Ben de Interese Cultural. A este respecto Bará sinala que “temos moitas dúbidas sobre a compatibilidade de algúns usos que se propoñen coa declaración como BIC, na medida en que suporían unha alteración completa do significado e características dun sitio histórico destas dimensións”.

O BNG denuncia o desmantelamento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán